O Sergas informa do falecemento nas últimas horas de 9 persoas en Galicia por coronavirus. Trátase de dous homes hospitalizados en Santiago de 74 e de 85 anos; outros dous ingresados en Ferrol de 84 e de 88 anos. Un home de 94 morría no Hospital de Coruña onde falecía tamén unha muller de 93 anos. Un home de 92 faleceu no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee e unha muller de 78 anos no Hospital de Pontevedra. A última dos falecidas é unha muller ingresada en Vigo que era usuaria da Residencia Paz y Bien de Tui. A cifra tráxica de falecidos en Galicia desde o comezo da pandemia sitúase así en 1.512 persoas vítimas do coronavirus desde marzo.
Os datos que facilita o Sergas indican que a preocupación pola pandemia en Galicia non deixa de medrar. Ás 18:00 horas do sábado son 12.508 as persoas que manteñen a infección activa, o que supón manter o incremento de 800 (+842) respecto da xornada anterior.
Hai un lixeiro descenso de contaxios diarios que son 1.244, case un cento menos de positivos que o venres, dos que 1.124 se diagnosticaron por PCR. O número de PCR que detectan infectados móvese en cifras das xornadas anteriores. Apenas un descenso de 11 contaxios. Hai que ter en conta que o número de probas diagnósticas deste tipo, as máis fiables realizadas, experimenta un descenso: son 9.509 por 10.132 a véspera. A positividade é do 12,2 por cento.
Peor dato ofrece a presión asistencial con 557 persoas (+51) ingresadas nos hospitais galegos en planta. Nas unidades de críticos UCI son 98 os pacientes, con sete máis que o día anterior. A evolución é preocupante. Son así máis de 650 os galegos que están ingresados nos hospitais.
Situación por áreas sanitarias área
Na Coruña dispáranse os contaxios con 337 diarios (+76) e supera por primeira vez os tres mil casos activos nesta área (3.129). En xeral, non hai grandes variacións respecto aos datos do venres, con incremento de infeccións activas, agás en Lugo e unha certa estabilización en Pontevedra, cun caso menos. Vigo e Santiago mantéñense por riba das 2.200 persoas coa infección activa. E Ferrol reduce á metade os contaxios diarios diagnosticados por PCR que pasan de 140 a 70 nas últimas horas.
Os positivos diarios baixan tamén lixeiramente na área sanitaria de Ourense. No resto hai subas en todas en maior ou menor medida.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.