A 19ª edición de ‘Merca na rúa’ ofrecerá a fin de semana no Porriño centos de artigos, que van dende óptica a deportes, complementos ou calzado, cunhas rebaixas de entre o 50 e o 70%

Publicado por o día 06/09/2018 na sección de Galicia,O Porriño

A 19ª edición de ‘Merca na rúa’ ofrecerá a fin de semana no Porriño centos de artigos, que van dende óptica a deportes, complementos ou calzado, cunhas rebaixas de entre o 50 e o 70%

O concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, xunto coa xerente da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), Noelia Conde, e membros da directiva da asociación presentaron  a 19ª edición de ‘Merca na rúa’, que se celebrará no centro do Porriño a vindeira fin de semana: sábado 8 e domingo 9 de setembro.

Marcelino Coto gabou a excelente saúde que ten esta feira de oportunidades e amosouse encantado de que estea tan preto de chegar ás vinte edicións. O concelleiro asegurou que a fin de semana o tempo acompañará ao evento e non terá que suspenderse coma, por mor da borrasca ‘Félix’ tivo que facerse coa anterior cita, “as previsións apuntan a que o sábado e domingo teremos bo tempo e invito a todas as veciñas e veciños do Porriño e dos concellos do redor que se acheguen ata aquí e, ademais de dar un paseo aproveiten as oportunidades que estarán á venda”.

Coto lembrou que o Concello , en edicións anteriores, o Concello asume os custes de alumeado, limpeza, os inchábeis para os cativos e a vixianza de seguridade dos postos, para que os expositores non teñan que recoller e desmontar os mesmos pola noite, unha labor de garda na que desempeñará un papel esencial a Policía Local.

Noelia Conde, pola súa banda, sinalou que as persoas que se acheguen a ‘Merca na rúa’ terán ofertas de óptica, complementos, zapataría, zapataría de cativos, deportes, mesmo lencería, en 20 postos e con rebaixas de entre o 50 e o 70 por cento.

A xerente de Asociación de Comerciantes salientou que a feira, que ocupará, como xa era tradicional, a rúa peonil do centro do Porriño, estará aberta o sábado de 10 da mañá a 9 e media da noite e o domingo de 11 da mañá a 8 e media da tarde, os dous días de xeito ininterrompido.