A Acampada da Praza do Rei “nega” que o Concello de Vigo ofrecese unha praza no albergue ao falecido e este a negara

Publicado por o día 30/10/2019 na sección de Galicia,Vigo

A Acampada da Praza do Rei “nega” que o Concello de Vigo ofrecese unha praza no albergue ao falecido e este a negara

COMUNICADO DA ACAMPADA CONTRA A POBREZA. SOBRE O FALECEMENTO DE J.E Comesaña:

Este compañeiro apareceu morto nunha tenda de campaña o domingo 27 á primeira hora da mañá, causando un impacto psicolóxico severo en todos.

Ao fío disto, queremos expresar, sobre as informacións aparecidas na prensa o propio 27 de outubro, inmediatamente despois de notificar esta morte:

Na acampada vivimos con consternación e moita dor a perda do compañeiro. Moitos estamos afectados seriamente e, que a primeira comunicación que se faga en prensa fale de se o concello puxera ou non do seu parte para o seu aloxamento e que había catro camas libres no albergue parécenos unha falta total de empatía e de respecto ao falecido. Era un momento de condolencia, arroupe e duelo.

Negamos que a J.E Comesaña, a noite do seu falecemento, ofrecéseselle unha praza no albergue e declinásea, como se insinúa nos titulares. De feito, durante o verán deste ano esta persoa reclamou por escrito o feito de que non lle deixasen acceder ao albergue por cobrar unha PNC. Outros compañeiros da praza asinaron o mesmo escrito cando se lles alegou o mesmo para negarlles unha cama.

Efectivamente, iso non significa que todas e cada unha das noites posteriores acudise ao dispositivo para tentar entrar: debemos entender que estes perfís son complicados e que é moi sinxelo xerarlles desconfianza. Por tanto, si que foi rexeitado no seu día no albergue polo seu baremo económico, e igualmente é certo que nun momento dado empezou a atoparse “arroupado” na praza, coas persoas ás que consideraba como da súa familia, pero esta situación é posterior ao seu conflito co dispositivo: durante os meses de agosto, setembro e outubro. Entendemos que ninguén se crerá que unha persoa pernoita nunha tenda no asfalto por gusto e non por necesidade. O seu interese pola Praza era atopar un lugar onde sobrevivir, e efectivamente valoraba a compañía: a comprensión e a convivencia cos seus compañeiros, e un ambiente de inclusión e empatía que non atopaba nas institucións oficiais.

Sobre os incumprimentos nos protocolos que se reflectiron: cando se fala de que foi atendido por varias Ongs e Centros especializados da cidade, é porque acudiu a eles. J.E. C estaba a ter unha evolución moi positiva na súa cooperación co sistema vixente. Efectivamente, esta non se deu ao 100% en todo momento, repetimos, era un perfil de persoa á que non lle resultaba fácil sentirse cómodo na burocracia e que tiña problemas de diversa índole que facían difícil unha constancia exemplar, pero en ningún caso é certo que rexeitase as citas ofrecidas.

O que hai que tentar, é que o seguimento e acollemento deste tipo de persoas sexa o máis exhaustivo e multidisciplinar, e MOTIVALOS, animalos, para que sentan apelados polos recursos existentes, que igualmente está claro que deben mellorarse. Que siga morrendo xente na rúa é un fracaso e esperamos que os departamentos relacionados, no canto de sacar comunicados como o mencionado, céntrense en traballar porque mellore na cidade a atención a persoas en exclusión social, e por suposto mostren a súa cara máis humana cando nos vemos devastados por noticias como estas.

Descanse en paz.