A actuación musical de Xurxo Souto e o Orfeón do Berbés trasládase á Casa da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro por mor da choiva

Por o 04/04/2019 | Sección: Deputación de Pontevedra
A actuación musical de Xurxo Souto e o Orfeón do Berbés trasládase á Casa da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro por mor da choiva
Compartir en:

A actuación musical protagonizada por Xurxo Souto e o Orfeón do Berbés prevista para este sábado na praza da Chousa de Combarro, celebrarase na Casa da Comunidade de Montes Rega dos Agros, rúa Maceira, s/n, por mor da previsión meteorolóxica que anuncia choiva. Mantense a hora anunciada no cartel, ás 20:30 horas. Esta actividade musical forma parte do programa complementario da mostra ‘Vento nas velas’, na que se recolle o traballo fotográfico de Xurxo Lobato sobre a cultura marítima.

Hai que lembrar que esta exposición está instalada na praza da Chousa de Combarro, desde o pasado 23 de marzo, e que poderá visitarse ata o vindeiro 12 de abril. A mostra, que se compón de varias estruturas cúbicas e está deseñada para expoñerse ao aire libre, pretende achegar a cultura marítima da provincia ao público a partires de textos e fotografías publicados no libro do mesmo título, Vento nas velas, e tamén da autoría do fotógrafo Xurxo Lobato.

Tras pasar por Poio, esta proposta expositiva continuará a súa andaina por Bueu, A Illa de Arousa, Baiona e A Guarda, da man da área de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra. Trátase de cinco concellos seleccionados pola súa relación directa cos contidos presentados na exposición, tanto pola súa cultura mariñeira como polo seu patrimonio relacionado con este ámbito, e que no caso concreto da Guarda coincide coa circunstancia de que será o concello que este ano acolla o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.