A agrupación de electores de Redondela apoia a iniciativa de adhesión ao scamiños de arte rupestre e demanda do goberno local un plan de actuacións sobre o patrimonio arqueolóxico de todo o concello

Publicado por o día 26/03/2018 na sección de AER,Galicia,Política,Redondela

A agrupación de electores de Redondela apoia a iniciativa de adhesión ao scamiños de arte rupestre e demanda do goberno local un plan de actuacións sobre o patrimonio arqueolóxico de todo o concello

A Agrupación de Electores de Redondela vén de apoiar xunto cos demais grupos municipais a inclusión do Concello de Redondela no Itinerario Cultural do Consello de Europa “Camiños de Arte Rupestre (CARP)”. Esta proposta do goberno local foi acollida por AER, máis na Comisión de traballo realizada para avaliala, a Agrupación de Electores indicaba que a proposta viña coxa dunha pata fundamental. Non é suficiente con adherirse a redes ou rutas culturais, senón que hai que actuar sobre o patrimonio poñéndoo en valor e planificando a súa conservación. Así pois, AER demandou, sendo esta unha iniciativa interesante como reclamo turístico cultural de calidade, que o Concello de Redondela se implique na posta en valor e conservación do patrimonio arqueolóxico do Concello con actuacións concretas e decididas. As emendas á proposta incorporadas da man de AER e aprobadas en pleno foron:

1.- Que o concello de Redondela tome as accións oportunas para a posta en valor e mantemento das diversas rutas existentes no concello de Redondela e dándolle a oportuna difusión nos medios con que conta o concello de Redondela.

Esta proposta implica directamente que o Concello identifique os valores arqueolóxicos de todo o municipio, sobre todos os menos coñecidos, e proceder tanto á súa sinalización como establecer accións para evitar o risco de danos ou deterioro. A súa posta en valor deberá vir avalada por arqueólogos e persoal competente na materia e deberase ter en conta a propiedade onde se localicen estes valores arqueolóxicos. A maiores do Monte Penide, onde se realizou un bo traballo de posta en valor, AER recoñece no concello de Redondela outros elementos que precisan de prontas actuacións, tales como:

· Ruta das Pedras de Ventosela. Que como xa demandara en pleno AER e como xa viña solicitando a veciñanza desta parroquia, é necesaria a adecuación do sendeiro, repoñer a sinalización queimada polos recentes incendios ou mesmo proceder a balizados ou instalación de paneis explicativos onde proceda segundo aval de arqueólogos.

· Petróglifos , túmulos, castros e outros elementos en Reboreda, no Viso, Saxamonde, etc.

Non obstante, a maiores dos elementos de arte rupestre, dende AER lembrámoslle ao goberno local que xa temos demandado actuacións noutros elementos culturais importantes tales como as telleiras, o patrimonio industrial de Rande, o cemiterio dos Eidos, así como diverso patrimonio etnográfico, de casonas, etc que abundan por todo o concello e nos que se fai urxente actuar de xeito planificado e con bo asesoramento.

2.- Que o concello de Redondela solicite as axudas das distintas administracións públicas para crear ou construír un ou varios parques forestais ou arqueolóxicos coa maior brevidade posible.

Neste senso, AER demanda que se avalíe a posibilidade de solicitar, entre outras, as axudas de parques forestais da Deputación de Pontevedra. As actuacións que contemplan estas axudas abarcan a mellora medioambiental de zonas de interese do monte, pero unha das liñas de actuación das axudas concirne a posta en valor do patrimonio arqueolóxico nos montes

veciñais. Ou sexa, poderíase solicitar axuda para a redacción dun proxecto integrado forestal-arqueolóxico na zona de Monte Penide, xa sexa mediante a unión de varias comunidades de montes ou unha soa que estea decidida a actuar neste senso, sempre que agrupe un mínimo de 30 hectáreas.

Fora desta liña de axudas, AER propón tamén que se aproveiten todas aquelas liñas de subvencións das distintas administracións para actuar sobre o patrimonio cultural de Redondela. Consideramos que se poden enfocar neste intre algunhas destas axudas tamén para a sinalización do patrimonio arqueolóxico nas parroquias.

3.- Que o concello de Redondela elabore un PLAN MUNICIPAL DE XESTIÓN DO PATRIMONIO.

AER propón que se elabore un Plan Municipal de Xestión do Patrimonio, recoñecendo que segue a mesma liña dunha proposta PSOE de Redondela, pero aplicada ao todo o territorio municipal: “imos adherirnos a un itinerario cultural que vai supor unha necesidade de actuacións. Está claro que é necesario contar cun documento, un plan, onde se identifique a totalidade do patrimonio do Concello incluído o relativo ao arte rupestre ou arqueolóxico e estableza as liñas de actuacións futuras”.

Neste plan caracterizaríanse tódolos elementos, avaliaríase o seu estado e necesidade, e proporíanse necesidades de intervención e mesmamente un plan de intervención a curto – medio e longo prazo. Planificación para unha boa xestión do patrimonio.

Como referencia neste senso, a AER propón que se tome en consideración o documento de recomendacións da FEMP do 16 de decembro de 2014 para a elaboración dun Plan Municipal para a Xestión do Patrimonio. Estas recomendacións baséanse nos contidos do Plan de Xestión do Patrimonio Mundial da UNESCO.