A alcaldesa amosa a súa “disposición e devezo” de comparecer diante da Corporación, de novo voluntariamente, “como fixen moitas outras veces” para explicar polo miúdo a xestión económica do seu goberno

Publicado por o día 05/09/2018 na sección de Galicia,O Porriño

A alcaldesa amosa a súa “disposición e devezo” de comparecer diante da Corporación, de novo voluntariamente, “como fixen moitas outras veces” para explicar polo miúdo a xestión económica do seu goberno

Tódolos membros do Goberno local do Porriño comparecerán se é preciso, coa alcaldesa á fronte, diante da Corporación e dos veciños para expoñer os gastos de cada unha das concellerías e tratar das facturas das mesmas, tal e como quedou claro este mércores nun Pleno extraordinario no que todos os integrantes do Goberno do Porriño votaron a favor da devandita comparecencia.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, que non puido asistir ao Pleno por un problema de saúde, amosou a súa “absoluta disposición e devezo” de comparecer, de xeito voluntario, coma xa fixo o pasado mes de xaneiro, para explicar, de novo, polo miúdo, a xestión económica, os pagos realizados, as facturas rexeitadas e os motivos para cada unha das decisións que o Goberno local tomou nestes eidos.

García de la Torre lembra que “sempre o fixen cando o solicitou un grupo ou, seica, un concelleiro, para iso non é necesario, como vén de facer o Partido Popular, e sabe moi ben o seu presidente local,  pedir un Pleno extraordinario: basta con decímelo”.

A alcaldesa subliña que o responsable do PP do Porriño “fixo unha pantomima esixindo a miña comparecencia en Pleno” pois coñece o regulamento que indica que non é posible pedilo, senón que a rexedora comparece por vontade propia ante a Corporación, “coma xa amosei en reiteradas ocasións, moitas máis que o anterior alcalde, en cuxo equipo estaba  Manuel Alejandro Lorenzo”, actual presidente dos populares do Porriño.

Eva García de la Torre afirma que esta argallada do PP forma parte dun plan que ten coma obxectivo “atacar a miña honorabilidade: dunha banda pola vía xudicial e, agora, na Corporación, coma parte da súa estratexia electoral logo de catro anos nos que o Partido Popular do Porriño non fixo unha soa proposta para resolver os problemas das veciñas e veciños”.

Dentro desta “manobra de confusión eu podería preguntarlle a Manuel Alejandro Lorenzo sobre 1.700.000€ de gastos do goberno local do que el formaba parte, que se fixeron sen contratos e que levamos, hai pouco, a Pleno para o seu recoñecemento extraxudicial de débeda, pero nós non imos a entrar nese lamazal: estamos ocupados en traballar para as porriñesas e porriñeses e centrados nas súas dificultades e preocupacións  e por iso o de emporcallar deixámolo aos representantes do PP que son especialistas niso”.