A alcaldesa e o concelleiro de Industria transmiten aos membros da directiva da Comunidade de Montes de Atios que o Concello recorrerá a sentenza que declara comunais os terreos ocupados polas canteiras

Publicado por o día 15/03/2018 na sección de Galicia,O Porriño

A alcaldesa e o concelleiro de Industria transmiten aos membros da directiva da Comunidade de Montes de Atios que o Concello recorrerá a sentenza que declara comunais os terreos ocupados polas canteiras

O Concello recorrerá a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 do Porriño que declara comunais os terreos de monte en Atios ocupados polas canteiras e outras explotacións industriais.

Así transmitíronllo este mércores a alcaldesa, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Urbanismo, Industria, Comercio e Medio Ambiente, Marcelino Coto, aos membros da xunta directiva da Comunidade de Montes de Atios, cos que mantiveron unha xuntanza no Concello.

García de la Torre subliñou nesta reunión que a súa obriga “legal” é a de “defender o patrimonio común de todas as porriñesas e porriñeses e é innegábel que o impacto económico das canteira nótase en todo O Porriño, en Chenlo, Cans, Mosende, Pontellas, Budiño, Torneiros, por suposto en Atios e no casco urbán da vila, e o meu compromiso e o do Goberno local  é o de salvagardar ese patrimonio”.

A este argumento a alcaldesa sumou un máis, o de “garantir a seguridade xurídica”considerando que noutro caso, o da Comunidade de Montes de Budiño, cos mesmos argumentos legais, as resolución xudiciais déronlle a razón ao Concello e, neste caso, “con todo o meu fondo respecto a esta sentenza, non hai un razoamento distinto que xustifique que o Concello actúe doutro xeito”.

Na mesma liña, García de la Torre engadiu que “non estou disposta, asemade, a tomar iniciativa algunha en contra dos informes dos técnicos e dos servizos xurídicos municipais: cometería prevaricación e non vou a incumprir as leis”.

Eva García de la Torre subliñou, por último, que neste caso “quen o seu dereito defende a ninguén ofende” e “non pode considerarse que tomando esta decisión o Concello agreda a ninguén…o recurso non vai contra ninguén”, e como outra proba delo o Goberno local  dará orde de que as rendas que percibe o Concello polo uso dos devanditos terreos sexan consignadas xudicialmente para non incorrer en costas e intereses mentres non haxa una resolución xudicial definitiva.