A alcaldesa de O Porriño esixe á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias, deixe de evadir as súas responsabilidades e acometa xa o arranxo dos centros de ensino público do Porriño que teñen “problemas moi graves”

Publicado por o día 08/06/2018 na sección de Galicia,O Porriño

A alcaldesa de O Porriño esixe á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias, deixe de evadir as súas responsabilidades e acometa xa o arranxo dos centros de ensino público do Porriño que teñen “problemas moi graves”

A alcaldesa lembroulle este venres ao representante da Consellería de Educación da Xunta de Galicia a necesidade de que o goberno galego se faga cargo do arranxo das fendas dos centros de ensino públicos do Porriño e subliñou que trátase dunha competencia, exclusiva, da administración autonómica.

Durante o acto de inauguración da novo salón de actos do CEIP da Ribeira a alcaldesa, logo de agradecer á Xunta a súa contribución á construción do mesmo-en colaboración da Concellería de Educación, quen encargouse do escenario- e que aprobase facerse cargo do comedor, que ata hoxe mantén o Concello, pediulle ao César Pérez Ares, xefe territorial da Consellería de Educación na provincia de Pontevedra, que  o Goberno de Galicia prestase moita máis atención aos centros do Porriño que teñen “problemas moi serios”.

CEIP Pliriligüe de Atios

Eva García de la Torre, quen este xoves xa mantivera unha xuntanza coa dirección e a Asociación de Nais e Pais (ANPA) do CEIP Plurilingüe de Atios para coñecer e atender as súas reclamacións sobre o estado do colexio, denunciou, de novo, que no mesmo hai “danos estruturais nas fachadas que causan filtracións de auga provocando curtocircuítos no sistema eléctrico”, e marcou que  “hai so uns días a uns alumnos caeulles moi preto parte do mosaico da parede sen causarlles, por sorte, dano algún”. Esta situación, engadiu, “amosa a prema que hai para realizar unhas reparacións que son xa inaprazábeis”.

Gardería A Galiña Azul de Torneiros

A alcaldesa cualificou de “inaceptábel e intolerable” o estado no que se atopa, moi preto do CEIP da Ribeira, a Gardería da Galiña Azul da parroquia de Torneiros que ten “gravísimas deficiencias” que é “moi urxente” arranxar para “garantir a seguridade das cativas e cativos”.

Para a alcaldesa esta moi ben que os responsábeis da Xunta veñan a O Porriño “congratularse e facerse a foto” cando, como este venres, se inaugura un salón de actos, pero o que non deben de esquecer é que “teñen a obriga de poñer en condicións os nosos colexios para que as nenas e nenos do Porriño, veciños dun dos concellos que máis medran en Galicia, teñan una educación axeitada”.

Sen prazas de gardería no concello que máis medra de Galicia

Eva García de la Torre criticou o feito de que dende o Goberno da Galicia se repita que aposta pola educación pública e de calidade e “no Porriño resulta que carecemos de prazas, péchanse aulas e as garderías que precisamos vanse a Mos, a onde teñen que desprazarse os pequenos da nosa vila”.

Neste eido, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, resaltou que, “como se pode comprobar, porque os datos son públicos, á gardería do Polígono da Veigadaña, acoden nenas e nenos do Porriño porque aquí non hai prazas”,algo que non se pode entender fora do interese político, considerando que O Porriño é, dende o ano 2015, o concello galego que máis aumenta en poboación.