A alcldesa de Porriño recibe aos canteiros, pero non aos veciños donos dos terreos

Publicado por o día 26/07/2019 na sección de Galicia,O Porriño

A alcldesa de Porriño recibe aos canteiros, pero non aos veciños donos dos terreos

A directiva da comunidade de montes de Atios quere manifestar a súa sorpresa ante a noticia de que a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, vai manter unha reunión este venres cos canteiros titulares das explotacións situadas en Atios, a raíz do uso imprudente dos ocos abandonados como zonas de baño.

Sorprende a celeridade e a competencia sobrevenida da alcaldesa para recibir aos empresarios, cando a pasada semana rexeitou reunirse cos veciños de Atios, que lle solicitaron unha encontro para tratar sobre a situación das canteiras. Daquela, un voceiro da alcaldía alegou que non podía recibir á comunidade de montes de Atios porque “aínda non está constituído o goberno e non está nomeado/a o/a responsable dese departamento”. Por arte de non sabemos que estraño poder, de súpeto, a alcadesa sí ten competencias en tema de canteiras. Porque diso se vai falar o venres, por moito que a cita se queira revestir baixo o pretexto engadido da seguridade cidadá.

Abundando na sorpresa e perplexidade coas que dende a comunidade de montes lemos a nova publicada nos medios e na web do concello, dise na mesma que Pocasa pilotará as actuacións que se acorden, en colaboración “cos explotadores e Concello de Porriño e Comunidade de Montes”. Parécenos moi ben, pero resulta que a comunidade de montes -titular legal dos terreos ao abeiro da sentenza de 28 de febreiro de 2018 do xulgado de Primeira instancia nº3 do Porriño, que aínda non foi anulada-, non foi convocada a esa reunión. Sorprendente!

Dende a comunidade de montes de Atios celebramos que se tomen medidas para evitar incidendes non desexados nas canteiras usadas por bañistas. Con todo, cómpre lembrar que son os titulares do dereito mineiro, os canteiros, os primeiros responsables á hora de impedir o acceso de persoas alleas ás explotacións. E cabe dicir tamén que este problema non é novo. Actúase agora –ou amósase intención de actuar- porque o asunto acadou certa relevancia mediática, pero o problema vén de anos atrás e é moi coñecido tanto polos empresarios como polas forzas e corpos de seguridade.

Celebramos tamén que, segundo se relata na información, o concello por fin decidiu elaborar un informe sobre a situación real das canteiras. Iniciativa que xa debeu ser acometida hai anos e que agardemos bote luz sobre o estado das concesións. E a ver se por fin temos esa información que dende hai tempo levamos solicitando ao concello do Porriño, que ata agora se amosou moi belixerante nos xulgados cos veciños de Atios que reclaman a propiedade das canteiras, pero moi pouco esixente cos inquilinos dos terreos. O concello alega perdas millonarias se as canteiras pasan a mans dos veciños, pero –polo que lle consta a esta comunidade- o goberno local fai moi pouco por coidar as rendas derivadas dese patrimonio. De feito, case gasta máis en preitear cos veciños de Atios que diñeiro obtén polos alugueres.