A American Ceramic Society premia o grupo LaserON polo desenvolvemento de protectores solares a partir de espiñas de peixe tratadas con láser

O grupo da EE Industrial colaborou con investigadores italianos e portugueses
Publicado por o día 11/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A American Ceramic Society premia o grupo LaserON polo desenvolvemento de protectores solares a partir de espiñas de peixe tratadas con láser

A American Ceramic Society outorgou ao Grupo de Aplicacións dos Láseres (LaserON) da Universidade de Vigo o premio á mellor investigación, Best paper award, polo seu traballo centrado no desenvolvemento de protectores solares a partir de espiñas de peixe tratadas con láser. Na investigación premiada no Congreso Internacional Materials Science & Tecnology 2019, celebrado en Portland (Oregon), as e os investigadores da Escola de Enxeñería Industrial abordan as posibilidades do uso do fosfato cálcico procedente de espiñas de peixes como compoñente principal de filtros solares físicos, como alternativa aos compostos tradicionalmente empregados nos protectores solares físicos pola súa capacidade para reflectir as radiacións ultravioletas. “Centramos o noso traballo no uso de espiñas de peixe como fonte de fostato cálcico, material, que grazas ao uso do láser, incorpora átomos metálicos e as probas realizadas co produto resultante amosan a súa capacidade para protexer fronte a diferentes tipos de radiación ultravioleta”, explica Mohamed Boutinguiza, director do traballo, que sinala que a selección de materiais utilizados podería, ademais, achegar novas propiedades de interese desde o punto de vista cosmético, unha posibilidade sobre a que o grupo quere seguir a traballar.

Ata este intre, as e os investigadores do grupo LaserON foron quen de poñer a punto o método para preparar as partículas e comprobar que efectivamente, protexen fronte a un rango de raios UV interesante para o seu uso cosmético. Precisamente, estes resultados son os que deron lugar á publicación internacional premiada e na que xunto aos investigadores da Universidade de Vigo, tamén participaron colegas do Institute of Nanotechnology de Lecce (Italia), da Universidade de Aveiro e da Escola Superior de Biotecnología de Porto (Portugal).

Unha alternativa con efectos menos negativos na pel e no medio ambiente

O uso en aplicacións biomédicas do fosfato cálcico procedente de espiñas de peixe está xa moi estendido, como unha alternativa fronte a compostos tradicionalmente utilizados en protectores solares físicos pola súa capacidade de reflectir radiacións ultravioletas. “Os compostos máis utilizados nestes momentos, como o dióxido de titanio ou o óxido de zinc, producen radicais libres que aceleran o proceso de avellentamento da pel, pero este non é o caso do fosfato cálcico, un composto estable, moi abondoso na natureza (é un dos principais compoñentes de ósos e dentes) e que en combinación con elementos metálicos, protexe fronte un amplo rango de radiación ultravioleta”, sinala Mohamed Boutinguiza.

Pero o uso do fosfato cálcico como filtro físico, non só tería menos efectos negativos sobre a pel que outras alternativas, senón que o seu emprego non ten efectos negativos sobre o medio ambiente, a diferenza doutros compostos utilizados, tanto en protectores solares físicos como químicos, e sobre cuxo impacto no medio mariño están a alertar cada vez máis investigadores. “Diferentes estudos amosaron como a concentración destas substancias en augas costeiras sufre variacións estacionais ,coincidindo os seus máximos con períodos de vacacións. Ademais, atopáronse, tanto na auga do mar, como en augas residuais que chegan ata as plantas de tratamento, que son pouco efectivas á hora de eliminar estes compostos debido as súas características químicas, polo que, en moitos casos, tamén terminan por chegar ao mar”, explican as e os investigadores do grupo LaserON.

Expertos en contaminación mariña constataron que compostos como a oxybenzona teñen un efecto negativo sobre os arrecifes de coral e a súa presenza produce o que se coñece como branqueamento, que é a morte dos organismos (zooxantelas) que viven en simbiose co coral e son imprescindibles para a súa supervivencia, un efecto negativo que tamén se comprobou no caso de compostos empregados como filtros físicos como o óxido de zinc. “Nalgunhas zonas turísticas os políticos xa comezaron a tomar medidas e o ano pasado, por exemplo, o estado de Hawai anunciou a prohibición a partir do ano 2021 da venda e distribución de bronceadores que conteñan oxybenzona e octinoxato polos danos que estes compostos causan nos corais”, sinala o director do traballo premiado pola American Ceramic Society.

25 anos traballando no procesamento de materiais con láser

A investigación desenvolvida polo grupo LaserON insírese no traballo que desde hai anos realizan os seus integrantes no ámbito da valorización de produtos mariños e subproductos pesqueiros e que se enmarca no proxecto europeo Bluehuman, financiado polo Programa Interreg Espazo Atlántico, co obxectivo de achegar valor a un produto que ata o momento carece del, mellorando o aproveitamento de recursos naturais e contribuíndo ao fortalecemento, modernización e especialización do tecido socioeconómico e industrial de Galicia.

“Un grupo humano compacto e multidisciplinar con experiencia de ata 25 anos, nalgúns casos no procesamento de materiais con láser e o conxunto de equipos, principalmente fontes de láser de alta potencia e equipos auxiliares, que é un dos dez máis relevantes de Europa neste campo, fan do Grupo na Aplicacións dos Láseres da Universidade de Vigo unha referencia nacional e europea no noso campo de traballo”, aseguran os seus integrantes.