A ampliación de San Paio de Navia que executará a Xunta non afectará a ningún espazo dos xa urbanizados na primeira fase

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lamenta o descoñecemento que mostra o alcalde de Vigo sobre un asunto abordado e aprobado pola xunta de goberno do Concello que preside
Publicado por o día 24/04/2018 na sección de Galicia,Vigo

A ampliación de San Paio de Navia que executará a Xunta non afectará a ningún espazo dos xa urbanizados na primeira fase

As obras de urbanización de solo residencial en San Paio de Navia realizáranse exclusivamente nos terreos adquiridos pola Xunta de Galicia para a ampliación do mesmo, emprazados nos polígonos 1, 2 e 3, non afectando a ningún espazo das fases xa urbanizadas, nin a zonas verdes e espazos de titularidade municipal da urbanización xa rematada.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lamenta o descoñecemento que mostra o alcalde de Vigo sobre un asunto abordado e aprobado pola xunta de goberno do Concello que preside.

A modificación do plan parcial, aprobada inicialmente polo concello de Vigo o 25 de xaneiro de 2018, responde fielmente ás esixencias formuladas polo propio Concello en diversas ocasións ao longo de dous anos de desenvolvemento do mesmo.

Nesta modificación inclúese, ademais da ampliación do solo urbanizado de San Paio de Navia, nos tres novos polígonos, a posibilidade de que no futuro, se é necesario se amplíen as prazas de aparcamento público existentes nas tres primeiras fases, xa urbanizadas, de Navia.

A Xunta de Galicia unicamente vai urbanizar os terreos da ampliación (polígonos 1, 2 e 3) e actuará exclusivamente sobre solo propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que actualmente xa é titular de máis do 50 por cento do ámbito e esta mesma semana publicou unha oferta de adquisición de solo por permuta que será seguida dun expediente de expropiación unha vez que o plan parcial se aprobe definitivamente. Polo tanto, a Xunta só urbanizará solo da súa propiedade.

A modificación do plan parcial de San Paio de Navia contempla un total de 4.662 praza de aparcamento exclusivamente nos polígonos 1, 2 e 3, das que 1.213 serán públicas, emprazadas a pé de rúa, e as 3.449 restantes serán privadas, emprazadas nos garaxes dos edificios que se constrúan.

Ao mesmo tempo, a modificación do plan parcial estima que nas fases I, II e III-A, xa urbanizadas, se perden 15 prazas de aparcamento a causa dos accesos á ampliación, e deixa aberta a posibilidade de incrementar en 629 as prazas de aparcamento na zona xa urbanizada.

A Xunta lamenta o descoñecemento dos criterios incluídos na modificación do plan parcial de San Paio de Navia por parte do alcalde de Vigo, que o leva a facer manifestacións moi desafortunadas e que poñen en perigo o desenvolvemento da maior actuación de solo público para vivenda protexida que se está a executar en Galicia.