A ampliación do carril bici do campus permitirá a súa conexión coa Illa do Covo

As obras iniciaranse nas próximas semanas
Publicado por o día 12/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

A ampliación do carril bici do campus permitirá a súa conexión coa Illa do Covo

Tras obter a autorización da Xunta de Goberno local, a Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Pontevedra deu conta este mércores do proxecto de ampliación do carril bici no campus da Xunqueira, co que a Vicerreitoría proxecta completar o seu percorrido polo interior do campus, así como a súa conexión coa Illa do Covo. As obras, que está previsto dean comezo nas próximas semanas, permitirán ampliar o actual carril que conecta a rúa Celso Emilio Ferreiro co acceso á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación cun novo treito que irá desta facultade á Escola de Enxeñaría Forestal para logo avanzar cara as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia e conectar, na parte traseira desta última a través dun paso elevado, ca senda peonil situada tralos campos de fútbol da Xunqueira, permitindo así a conexión do campus coa Illa do Cobo.

O proxecto, que ten un custo de 49.568 e que foi abordado pola Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente municipal dá continuidade ás obras realizadas en 2016 polo Concello para conectar o carril-bici existente en Rosalía de Castro ata a parcela de acceso ao campus e as acometidas pola Vicerreitoría para levar este carril-bici pola rúa Celso Emilio Ferreiro ata o acceso a CCSS e da Comunicación. Esta actuación foi anunciada en rolda de prensa pola concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, quen explicou que se trata dunha “actuación consensuada” entre o Concello e o equipo de goberno da Universidade. Nese senso, o vicerreitor de campus, Jorge Soto, salienta o valor desta actuación á hora de fomentar unha mobilidade sostible no campus, actuación, engadiu, “acorde coa nosa liña de traballo dentro do Green Campus” que se suma “a diferentes proxectos que están enriba da mesa”, como a instalación de dous embarcadoiros na contorna do Lérez e da Illa das Esculturas, cos que buscan “xerar espazos para a comunidade universitaria á vez que promover o respecto ao medio ambiente”.

Skate park e cesión da vía que rodea o campus

Segundo informa o Concello nun comunicado, Gulías tamén deu conta en rolda de prensa de dúas obras máis que se insiren na “estreita relación entre Concello e Universidade”, froito de “acordos que quedarán reflectidos nun documento administrativo”. Por unha banda, Gulías aludiu á instalación dun skate park na parcela de acceso ao campus, para o que a Universidade cede o uso dunha parcela, asumindo o Concello o mantemento tanto da instalación deportiva como do terreo. Por outra banda, a edil explicou tamén que a vía que rodea o campus da Xunqueira e dá uso aos colexios e instalacións deportivas da Xunqueira pasará a ser propiedade do Concello.