A Amtega e FEGAUS organizan un ciclo de seminarios en liña sobre o uso de dispositivos móbiles dirixido a persoas maiores

Ofertan preto de 1500 prazas en 17 localidades con Aulas CeMIT para introducir ás persoas maiores no uso das aplicacións e recursos que lles ofrecen os móbiles
Publicado por o día 18/09/2018 na sección de Telefonía,Xunta de Galicia

A Amtega e FEGAUS organizan un ciclo de seminarios en liña sobre o uso de dispositivos móbiles dirixido a persoas maiores

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), inicia un ciclo de doce charlas informativas sobre o uso de dispositivos móbiles. Estas actividades están dirixidas, preferentemente, a persoas maiores pero poden acudir todas as persoas interesadas en ampliar os seus coñecementos na utilización dos dispositivos móbiles.

Os contidos, explicados dunha forma amena e sinxela, están orientados para que os asistentes saquen o máximo dos seus dispositivos móbiles. Desde o uso de aplicacións e recursos orientados á planificación de viaxes, aos trámites electrónicos, á lectura, á fotografía e o vídeo ata o pago por internet ou as aplicacións relacionadas coa saúde e os coidados para una madurez mais activa.

Estas actividades informativas son gratuítas e desenvolveranse dunha charla cada semana dende mediados de setembro ata primeiros decembro, en horario de 10:30 a 12:00 horas. Estas charlas poden seguirse en streaming dende calquera das dezasete aulas CeMIT que participan e que ofertan un total de 1500 prazas.

As aulas que retransmitirán algunha ou todas estas actividade son: Ames, Arzúa, Beariz, Betanzos, Carballedo, Cuntis, Fisterra, Guitiríz, Marín, Ortigueira, Padrón, Pontedeume, O Porriño, San Sadurniño, Santa Comba, Valga e Vilanova de Arousa.

É recomendable poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT participantes en cada unha dos seminarios ou inscribirse en calquera delas a través de internet na web https://cemit.xunta.gal, sendo o único requisito esixible o de ser usuario da Rede.

Aliad@s Dixitais

FEGAUS é un dos 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Amtega, ao que se poden adherir como tales a aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior) agrupa a 7 asociacións de alumnos e ex-alumnos dos Programas de Maiores dos 7 campus universitarios pertencentes ás tres universidades de Galicia: Santiago, A Coruña e Vigo, contando con arredor de 2.000 alumnos sénior.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Datas dos seminarios online