A ANL destina 12.000 euros de axudas e premios para incentivar o uso do galego nas teses de doutoramento, TFG e TFM

O prazo para enviar solicitudes remata o 21 de setembro
Publicado por o día 27/07/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A ANL destina 12.000 euros de axudas e premios para incentivar o uso do galego nas teses de doutoramento, TFG e TFM

Co obxectivo de incentivar o uso do galego nas teses de doutoramento, nos traballos de fin de grao e nos traballos de fin de mestrado, así como de premiar o esforzo e o rigor de coidar o idioma e de incrementar o patrimonio dos textos redactados na lingua propia, a Universidade de Vigo, a través da Área de Normalización Lingüística, abre un ano máis a convocatoria de axudas para redactar e defender en galego teses de doutoramento e os premios á calidade lingüística dos TFG e TFM presentados no curso 2019/2020.

Cun orzamento total de 12.000 euros para as tres modalidades, recibirán unha achega todas as teses presentadas en galego e os 15 mellores TFG e 10 mellores TFM que destaquen pola súa calidade lingüística. As axudas serán de 600 euros para as autoras e autores das teses en galego e ata un máximo de 400 euros para traballos de fin de grao e de mestrado seleccionados. A comisión avaliadora garantirá dous premios por rama de coñecemento en grao e un premio por rama no que se refire ao mestrado.

O prazo para enviar solicitudes remata o vindeiro 21 de setembro.

Cualificación mínima de notable ou oito puntos

Para poder solicitar estas axudas, o alumnado da Universidade deberá ter presentado e defendido a tese de doutoramento, TFG ou TFM durante o pasado curso 2019/2020, obtendo unha cualificación mínima de notable ou oito puntos. Así mesmo, para demostrar que estes traballos se presentaron e defenderon integramente en lingua galega, será necesario presentar un informe do director ou directora ou do titor ou titora.

Criterios de avaliación

A comisión avaliadora efectuará a selección dos traballos presentados de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003). Para desenvolver dito labor, os criterios a ter en conta serán, en primeiro lugar, o coñecemento da gramática (40%), non avaliándose os textos que obteñan unha nota inferior a tres neste apartado. En segundo lugar, a calidade na redacción (20%), seguida do uso correcto da terminoloxía especializada (20%), do emprego da linguaxe inclusiva (10%) e da ortotipografía (10%), tendo prioridade os premios adxudicados ás teses de doutoramento.

Ademais destas axudas, para aquelas persoas interesadas en redactaren e defenderen a tese de doutoramento, o traballo de fin de grao ou o traballo de fin de mestrado en lingua galega, a Universidade de Vigo, por medio da Área de Normalización Lingüística, ofrécelles apoio lingüístico e asesoramento resumido en actividades de servizo de consulta lingüística e terminolóxica e asesoramento na corrección das teses.

Comentar noticia

Your email address will not be published.