A área de coidados postcirúrxicos infantís atendeu a máis de 1.500 pacientes pediátricos no seu último ano

O grupo máis numeroso de pacientes operados foi o comprendido entre 2-5 anos (487); mentres que 435 nenos foron maiores de 9 anos, 421 tiñan entre 6- 9 anos e 172 menores dun ano
Por o 09/04/2018 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A área de coidados postcirúrxicos infantís atendeu a máis de 1.500 pacientes pediátricos no seu último ano

A Área de Coidados Postcirúrxicos Infantís do Hospital Álvaro Cunqueiro, que esta semana fixo dous anos da súa posta en funcionamento, atendeu durante o 2017 a máis de 1500 nenos e nenas menores de 14 anos.

Trátase da primeira área destas características de Galicia, cunha estrutura deseñada e dirixida exclusivamente á cirurxía infantil, tanto a que require ingreso hospitalario como a Cirurxía Maior Ambulatoria.

Estas dependencias contan con 15 postos, oito camas de reanimación postcirúrxicas e 7 postos de Adaptación ao Medio (preparación e recuperación previa a alta dos pacientes).

172 menores de 1 ano

Das 1515 intervencións pediátricas realizadas, un 44,8% (679) efectuáronse de xeito ambulatorio, sen ingreso hospitalario

Por grupos de idade, o máis numeroso foi o dos nenos e nenas de entre 2-5 anos (487), seguido dos maiores de 9 anos (435); a continuación os situados na franxa entre 6-9 anos (421) e por último o constituído polos menores de 1 ano (172).

Atendendo a unha distribución das intervencións segundo as especialidades cirúrxicas, Cirurxía pediátrica foi a que rexistra un maior número de intervencións,704; Otorrinolaringoloxía 495; Traumatoloxía, 154; e Oftalmoloxía 120. Aínda que con menor volume de actividade intervencionista infantil, tamén hai que mencionar outros servizos como Neurocirurxía con 26 operacións, Xinecoloxía con 4 e Cirurxía Vascular con 3.

No caso concreto de Oftalmoloxía cabe subliñar que o 90% das intervencións son ambulatorias, é dicir, que non necesitan ingreso hospitalario dos nenos ou as nenas.

Área Humanizada

A Área de Coidados Postcirúrxicos Infantís é un espazo humanizado, con especial atención á confortabilidade dos usuarios, na que se reforzou o acompañamento do paciente en todo o proceso, a información facilitada, e a posta a disposición dos usuarios dun teléfono exclusivo de contacto cos profesionais.

Así, os pais e nais dos menores poden estar cos pequenos pacientes en todo momento. Tanto antes da operación cirúrxica como no posterior período de recuperación, nada máis saír do quirófano.

Os nenos e as nenas dispoñen de xogos adaptados á súa idade, así como televisión, Playstation e outros videoxogos.

Esta aposta por acadar espazos máis amigables e cálidos e adoptar medidas organizativas nas que se favorezan o benestar dos pacientes e familiares, enmárcanse no proceso de humanización dos servizos do CHUVI, sobre todo aqueles vinculados cos menores, e cos máis críticos ou vulnerables. Así, esta área, xunto coa UCI de neonatos, foi pioneira neste sentido polas características especiais dos pacientes en idade pediátrica. E nos últimos meses estendeuse a outras como a UCI pediátrica e máis recentemente á UCI de adultos.

A humanización dos servizos é una das principais liñas de actuación que se reflexa no Plan Estratéxico da EOXI de Vigo. Na primeira consideración deste documento figura a mellora do trato ao enfermo, baixo o lema “O paciente é o primeiro”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.