A Área de Vigo benefíciase de máis de 45.000 euros en axudas para mellorar a oferta das súas bibliotecas e axencias de lectura

Esta subvención da Xunta, chega a 12 dos concellos da área e permitirá a estes centros dotarse de novidades editoriais e completar as súas coleccións bibliográficas
Publicado por o día 20/07/2020 na sección de Galicia,Vigo

A Área de Vigo benefíciase de máis de 45.000 euros en axudas para mellorar a oferta das súas bibliotecas e axencias de lectura

Un total de 12 concellos da área territorial de Vigo beneficiaranse este ano das axudas que a Xunta de Galicia ten en marcha para mellorar as coleccións bibliográficas e dotar de novidades editoriais ás súas bibliotecas e axencias públicas de lectura municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, por un importe superior aos 45.000 euros.

A primeira liña de axudas, que subvenciona a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, beneficiará a un total de 12 concellos da área con 21.929,77 euros. Con esta medida a Consellería de Cultura e Turismo pretende ofrecer aos usuarios estas novidades editoriais no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais. Así, os municipios de Baiona, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño recibirán axudas por valor de 1.949,32 euros; mentres Cangas percibirá 2.436,63 euros, Redondela 2.436,62, Pazos de Borbén 974,66; e Salceda, Salvaterra e Soutomaior sendas axudas de 1.461,98 euros.

Unha vez adxudicada a subvención en libros por un importe económico que se establece segundo os parámetros da poboación a que atende cada servizo bibliotecario público municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na que incorporarán as novidades as editoriais que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada entidade beneficiaria.

O segundo programa, dedicado á mellora das coleccións bibliográficas, ten como beneficiarios este ano un total de dez concellos na área territorial de Vigo por un importe total de 23.188,99 euros. Estas liñas de axudas enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por mellorar é incrementar a oferta e o servizo aos usuarios destes centros, actualizando as coleccións para que as bibliotecas planifiquen as adquisicións de novidades editoriais. Atendendo ao reparto por concellos, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán e O Porriño recibirán sendas subvencións de 2.415,46 euros. Para Cangas o importe elévase a 2.898,55 euros, Pazos de Borbén contará cunha axuda de 1.449,27 euros, Redondela de 2.898,55 euros, e Salceda e Salvaterra de 1.932,36 euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.