A área sanitaria de Vigo adopta novas medidas para dar resposta ao incremento dos ingresos hospitalarios

No marco do Plan de Continxencia fronte a pandemia da Covid-19 ven de incrementar en 44 as camas de hospitalización, polo que xa hai 158 camas dirixidas ao ingreso dos pacientes con esta patoloxía ou con sospeita de padecela
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Galicia,Coronavirus,Salud,Sanidad,Vigo

No marco do Plan de continxencia fronte á pandemia da Covid-19, a Área Sanitaria de Vigo está a adoptar novas medidas que permitan facer fronte a terceira onda epidemiolóxica. Estas decisións adoptáronse tras o elevado incremento de ingresos de pacientes con Covid-19 rexistrado nos últimos 3 días no hospital Álvaro Cunqueiro. De feito, a día de hoxe xa hai 87 pacientes con coronavirus hospitalizados (15 deles nas Unidades de Coidados Críticos).

Neste contexto, vense de incrementar as camas ordinarias de atención a estes pacientes, coa apertura dunha nova Unidade -a 2A- con 44 camas. Así, a día de hoxe xa hai 158 camas dirixidas ao ingreso dos pacientes con esta patoloxía ou con sospeita de padecela (134 para os casos confirmados e 24 para os sospeitosos).

Ademais, decidiuse reprogramar algunha actividade cirúrxica non urxente, e que pode ser demorable. En total, neste semana serán aprazados 10 quirófanos (un 6% do programado). Trátase de cirurxía con ingreso complexa, que pode requirir o uso de camas de críticos no postoperatorio.

Deste xeito, aquelas intervencións cirúrxicas demorables, cuxa reprogramación non implica complicación algunha de tipo clínico para o paciente, aprazaranse a días próximos co obxectivo de garantir a dispoñibilidade do número de camas que puidesen ser necesarias para dar resposta á terceira onda da pandemia.

O resto da actividade cirúrxica continuará desenvolvéndose con total normalidade, dando cobertura á cirurxía urxente, a todos os procesos cirúrxicos de natureza oncolóxica, á cirurxía ambulatoria e ao resto de procesos contemplados na Lei de garantías.

Os quirófanos reprogramados serán substituídos por procedementos de cirurxía maior ambulatoria, que non necesita ingreso hospitalario. Neste senso, tamén vaise potenciar a capacidade da cirurxía ambulatoria do Meixoeiro; de feito, xa derivouse a este centro a actividade cirúrxica do servizo de traumatoloxía e de cirurxía xeral e dixestiva.

Trátase de medidas preventivas e garantistas. A presión asistencial ten incrementando nos últimos días, pero polo de agora situación do Chuvi non é comprometida e aínda ten capacidade espacial e organizativa; conta cuns recursos sanitarios ben dimensionados, cuns profesionais cunha capacitación, dispoñibilidade e entrega exemplares, e cunha organización flexible, que lle permite adaptarse á evolución epidemiolóxica con axilidade e continuar ofrecendo unha reposta sanitaria eficaz.