A área sanitaria de Vigo conta co orzamento máis elevado da súa historia

O orzamento para este ano elévase a 774 millóns de euros, acadando un 8% do presuposto total da Xunta de Galicia
Por o 27/01/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A área sanitaria de Vigo conta co orzamento máis elevado da súa historia

A EOXI de Vigo dispón este ano 2019 do orzamento máis alto da súa historia, acadando a cifra récord de case 774 millóns de euros. En concreto, serán 773.902.136 euros os que a Xunta de Galicia destinará á atención sanitaria de Vigo e comarca, 17 millóns máis que no pasado ano. Isto significa que a área sanitaria viguesa absorberá un 7,8% do total do presuposto da Xunta (9.850
millóns de euros).

A EOXI de Vigo é, polo tanto, a Institución pública da cidade que lidera o ranking orzamentario, superando a suma dos presupostos do resto de organismos das diferentes administracións como o Concello de Vigo, a Universidade, Zona Franca e Autoridade Portuaria.

250 millóns para Primaria

Do total dos 774 millóns, o 29,4 % van dirixidos directamente á atención primaria (227.798.619). A esta cifra hai que engadirlle outras partidas relevantes que, aínda que atribuídas nos orzamentos á atención hospitalaria, tamén teñen reflexo neste nivel asistencial, como o capítulo de formación -destínanse 11 millóns de euros á formación de graduados e formación MIR- ou as probas complementarias que se realizan no hospital solicitadas desde primaria, fundamentalmente as radiolóxicas e de laboratorio. A cifra total destinada a atención primaria ascendería a máis de 250 millóns de euros. A maior parte do orzamento vigués destinase ao Capítulo I, isto é, ao pagamento das nóminas do persoal, máis de 6500 traballadores da área, tanto dos centros de saúde como dos hospitais. Este capítulo abrangue o 38% do total, 297.049.575 euros.

Ao capitulo II, bens e servizos, destínanse 284.614 millóns de euros, un 36%. Neste epígrafe contabilízanse os gastos de farmacia de dispensación hospitalaria, de material e instrumental sanitario, implantes, laboratorios ou concertos con outros centros. O capitulo IV, que inclúe fundamentalmente as partidas dirixidas ao pagamento da farmacia en receita médica oficial, conta cun total de 152.899 millóns, un 19%.

Incremento dun 14%

Hai que subliñar que nos últimos anos esta área ten experimentado un importante incremento orzamentario. Desde o 2016 este crecemento cuantifícase en 95 millóns de euros, case un 14% máis, o que pon de manifesto o esforzo realizado polo goberno galego para dotar a área sanitaria viguesa duns recursos axeitados. A efectos prácticos, estes orzamentos tradúcense en melloras significativas para a atención aos pacientes, xa que posibilitaron a realización de relevantes cambios, con dotación de novos recursos e tecnoloxía, que permitiron un avance organizativo e asistencial sen precedentes, e posicionou a área sanitaria na vangarda da sanidade pública.

Cómpre destacar os novos centros de saúde da atención primaria como o de Oia, Panxón, Tui, Taboada Leal, Gondomar, Salceda de Caselas, ou os equipamentos tecnolóxicos incorporados ao CHUVI como o TC intraoperatorio, o quirófano híbrido ou o laboratorio CORE do Meixoeiro.

E así o recoñecen os usuarios, que nas enquisas realizadas veñen amosando moi alto nivel de satisfacción coa atención recibida polo servizo público de saúde en Vigo. De feito, na última enquisa efectuada no pasado mes de setembro, os pacientes cualificaron con sobresaínte esta atención, outorgándolle unha valoración global de 8,9 sobre 10.

En conclusión, pódese dicir que co orzamento aprobado para este ano, Vigo e a súa área disporán duns recursos financeiros ben dimensionados, que permitirán consolidar e dar continuidade a aquelas accións consensuadas no Plan Estratéxico XXI así como garantir a posta en marcha de novos proxectos e actuacións, tanto en atención primaria como hospitalaria, que contribúan a seguir mellorando as condicións do persoal e incrementando a calidade asistencial ofertada aos nosos pacientes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.