A área sanitaria de Vigo continúa desenvolvendo a estratexia para realizar probas PCR á poboación asintomática

Nos próximos dias invitarase a participar a outras 5.000 persoas de referencia de catro centros de saúde da zoa centro de Vigo
Publicado por o día 02/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo continúa desenvolvendo a estratexia para realizar probas PCR á poboación asintomática

A Área Sanitaria de Vigo continúa desenvolvendo a estratexia para realizar un cribado poboacional, mediante a realización da proba PCR, a persoas asintomáticas, e detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos.

Así, tras realizar o cribado a case 3.000 persoas de referencia dos centros de saúde de Sárdoma e Lavadores; a partir de mañá xoves e ata o vindeiro venres vaise invitar a realizarse o test diagnóstico a outras 5.000 persoas da zoa centro de Vigo que teñen o seu centro de saúde en Rosalía de Castro; R/Cuba; Casco Vello e A Doblada.

A programación prevista é citar a 500 persoas nos dias laborais e 2.500 na próxima fin de semana. Na tarde de mañá xa están citadas no Covid-Auto do Meixoeiro as primeiras 500 persoas.

Trátase de continuar desenvolvendo iniciativas que permitan incrementar a capacidade diagnóstica da área para facer fronte a pandemia da Covid-19. En vez de esperar a aparición de pacientes con síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.

O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Participación voluntaria

Hai que recordar que desde a Área Sanitaria de Vigo ofértase participar neste cribado a aquela poboación de referencia dos centros de saúde da cidade que cumpran determinados requisitos: estar no rango de idade entre 20 e 60 anos; non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas; e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos “Lembra” que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.

As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.