A área sanitaria de Vigo desenvolve unha estratexia para realizar probas PCR á pobación asintomática

O obxectivo é efectuar un cribado a 20.000 persoas de Vigo para detectar os casos positivos de Covid-19 que non presentan síntomas, e controlar así a circulación do virus
Publicado por o día 20/11/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo desenvolve unha estratexia para realizar probas PCR á pobación asintomática

A Área Sanitaria de Vigo continúa desenvolvendo iniciativas que permitan incrementar a capacidade diagnóstica da área para facer fronte a pandemia da Covid-19. Así, ven de por en marcha unha estratexia para realizar un cribado, mediante a realización da proba PCR, a 20.000 persoas asintomáticas e detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos.

Trátase dunha iniciativa para vixiar e frear a circulación do virus. En vez de esperar a aparición de pacientes con síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.

O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Participación voluntaria

Así, vaise invitar a participar neste cribado a aquela poboación de referencia dos centros de saúde da cidade que cumpran determinados requisitos: estar no rango de idade entre 20 e 60 anos; non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas; e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos“Lembra” que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.

As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.

Dependendo do volume de poboación que acepte realizarse a proba, e tendo en conta criterios de proximidade e accesibilidade, se decidirá o Punto de extracción da mostra. Poderán ser citados nos Covid-Auto do Meixoeiro ou do Álvaro Cunqueiro, ou nalgún outro tipo de instalación como pavillóns deportivos ou centros socioculturais.

Esa fin de semana xa están invitadas a realizarse o test diagnóstico 2000 persoas de referencia do centro de saúde de Sárdoma, que xa a partir de mañá, sábado, foron citados no Covid-Auto do hospital Meixoeiro. De seguido, vaise convocar á poboación seleccionada do centro de saúde de Lavadores, outras 2000 persoas.

Desde a xerencia da Área Sanitaria espérase acadar a máxima participación nesta iniciativa e apélase a solidariedade da poboación de Vigo para que aqueles que sexan invitados a participar, colaboren con esta medida, que pode resultar de gran impacto na loita contra o virus.

Cribado a traballadores de sectores sociais

Ademais, de xeito simultáneo estase realizando un cribado mediante PCR aos traballadores dos diferentes programas sociais dalgunhas ONGs e concellos da Área Sanitaria de Vigo.

Trátase de persoas que presentaban maior vulnerabilidade, con maior risco de contaxiarse de Covid-19 pola súa dedicación a unha actividade profesional ou social vinculada a traballos que esixen dun alto nivel de interrelacións persoais: persoal dos Programas de Servizo de Axuda ao fogar, da Infancia e Familia, Coidadores de Barrio e Persoal de Servizos Sociais Comunitarios Básicos.

Polo de agora, xa se realizaron a proba 800 traballadores dos concellos de Vigo, Porriño, Mos , Salvaterra, Crecente e Ponteareas. Nos próximos días se irá estendendo ao resto dos concellos da Área.

Comentar noticia

Your email address will not be published.