A área sanitaria de Vigo dota á atención primaria con tres novas prazas de enfermeiras especialistas

Ademais, dótase ao centro de Atención primaria de Mos dunha nova especialista en enfermaría familiar e comunitaria, polo que hoxe en día a área sanitaria viguesa xa conta con 3 prazas de enfermaría desta especialidade
Por o 21/02/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A área sanitaria de Vigo dota á atención primaria con tres novas prazas de enfermeiras especialistas

A EOXI de Vigo ven de dotar á atención primaria viguesa de 3 novas prazas de enfermeiras especialistas. Así, mañá mércores comezan a traballar, en vínculos de longa duración, as dúas primeiras profesionais especialistas en enfermaría pediátrica da área, que se incorporan aos centros de saúde de Tui e Gondomar.

Ademais, incorpórase tamén unha especialista en enfermaría familiar e comunitaria en Mos. Con esta nova profesional, as prazas de enfermaría familiar e comunitaria pasan a ser 3 na área de Vigo, xa que ven a sumarse ás outras xa existentes nos centros de saúde de Val Miñor e Pintor Colmeiro.

As enfermeiras especialistas desenvolven un período de formación (EIR) na área da súa elección -Medicina familiar e comunitaria, Pediatría, Saúde mental, Obstetricia e Xinecoloxía, ou Xeriatría-.

Estas profesionais aportan un gran valor á asistencia sanitaria, sobre todo en temas de prevención da enfermidade, promoción da saúde e educación sanitaria, a través de desenvolvemento de Plans de Coidados e dun importante traballo na comunidade.

Aposta pola estabilidade no emprego

Coa creación das novas prazas e a súa cobertura estable, a EOXI de Vigo sigue avanzado no desenvolvemento dun obxectivo prioritario do seu Plan Estratéxico “O Coidado, Desenvolvemento e Recoñecemento aos profesionais”. Nesta liña, coas novas interinidades redúcese a taxa de eventualidade da nosa organización en aras de dotar de maior estabilidade no emprego aos profesionais,
favorecendo a conciliación laboral e familiar e mellorando tamén a continuidade asistencial.

Así, nos últimos tempos a área sanitaria de Vigo ten realizado un importante esforzo pola estabilidade do emprego dos profesionais. Hai que lembrar que neste mes de febreiro ven de consolidarse 7 médicos de medicina familiar e comunitaria familia de atención primaria da área viguesa, nos centros de saúde de Coia e Cuba en xornada de tarde; Casco Vello e Teis de mañá, e nos Puntos de Atención Continuada (PACs) de Cangas e Porriño.

Ademais, tamén neste mes consolidáronse a 134 profesionais dos colectivos de enfermaría e de Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAEs) do CHUVI. Esta foi a maior incorporación de persoal interino desde a apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.