A área sanitaria de Vigo dota a Mondariz cunha pediatra estable

Hoxe incorporouse unha nova especialista en pediatría, ocupando a praza vacante cunha interinidade
Publicado por o día 09/09/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo dota a Mondariz cunha pediatra estable

Hoxe incorporouse unha nova especialista en pediatría ao centro de saúde de Mondariz, ocupando de xeito estable, cunha interinidade, a praza vacante do cadro de persoal. Así, a partires de hoxe queda restablecida a actividade asistencial habitual que se viña ofertando á poboación infantil, con atención diaria de luns a venres nos centros de Mondariz e Covelo. Isto é, tal e como se viña facendo, a pediatra dividirá a súa xornada laboral diaria entre ambos centros.

O concello de Mondariz ten unha poboación de 461 menores en idade pediátrica e o de Covelo conta con 124 nenos e nenas con menos de 15 anos.

A EOXI de Vigo cumpre así o compromiso adquirido de adoptar todas as medidas organizativas necesarias para reanudar a actividade pediátrica diaria neses centros tan pronto fose posible – xa que fóra interrompida nos meses de verán ante a imposibilidade de encontrar médicos en desemprego para cubrir a baixa laboral do pediatra-.

Agora, tras o esforzo que a dirección da área sanitaria está a realizar para captar a profesionais doutras comunidades autónomas, conseguiuse a incorporación desta especialista en pediatría, que ven de realizar a súa formación especializada en Madrid.

Actuacións para dispoñer de máis pediatras

O Servizo Galego de Saúde está desenvolvendo unha serie de actuacións para poder dispoñer de máis pediatras. Así, vense de aprobar 3 novas prazas MIR para á area de Vigo, pasando de 4 a 7 prazas acreditadas para a formación de especialistas en pediatría no Complexo vigués. Destacar tamén, entre outras medidas, a ampliación da posibilidade de xubilación ata os 68 anos, e a promoción da captación de profesionais de fóra de Galicia.

Cómpre lembrar que Galicia é unha das comunidades autónomas con maior taxa de cobertura pediátrica nos centros de saúde, un 88%, mentres que noutras comunidades autónomas, case a metade dos nenos non teñen pediatra e son atendidos polo facultativo de familia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.