A área sanitaria de Vigo e sindicatos asinan un acordo con medidas para o persoal feminino vítima da violencia contra a muller

Ese Acordo ratifica o compromiso institucional coas mulleres que sofren este tipo de violencia, e especialmente coas que traballan na área sanitaria de Vigo, para transmitirlles o compromiso, apoio e axuda de toda a organización
Publicado por o día 25/11/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo e sindicatos asinan un acordo con medidas para o persoal feminino vítima da violencia contra a muller

Con ocasión do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se conmemora hoxe, a Dirección da Área Sanitaria de Vigo e a Xunta de Persoal veñen de asinar un Acordo cunha serie de medidas dirixidas á protección e asistencia do persoal feminino vítima deste tipo de violencia.

Coa sinatura deste Acordo -enmarcado na normativa internacional, lexislación española e galega sobre a violencia contra a muller- se confirma e ratifica o compromiso institucional con todas as mulleres que se atopan en situación de violencia contra a muller, e especialmente coas profesionais que traballan na Área Sanitaria de Vigo, para transmitirlles de forma pública que contan co compromiso, apoio e axuda de toda a organización.

As medidas están dirixidas ás mulleres que sofren violencia e traballan na Área Sanitaria de Vigo. Son accións incluídas nos marcos normativos de referencia que se queren facer visibles, para a súa adaptación e aplicación nas condicións de traballo, nos postos e centros da Área Sanitaria de Vigo, tanto centros de saúde como hospitais e PACs (Puntos de Atención Continuada).

Medidas concretas

Así pois, o Acordo establece medidas relacionadas coas Condicións de Traballo e Medidas de Sensibilización.

Entre as primeiras, o documento recolle as seguintes: a reordenación do tempo de traballo -elección de quenda e horario flexible-; a elección do período de vacacións en datas específicas e priorización no goce de permisos; o desfrute de permisos necesarios como deber inescusable para a realización de actuacións administrativas, xudiciais, médicas e aquelas que requiran a asistencia por motivo da educación de

fillas e fillos como persoas que sofren a violencia de xénero protexidas tamén pola lei, que permitan facer efectivo o seu dereito á protección ou atención social integrada.

Outras das accións establecidas son a mobilidade a outro posto dentro dos centros da área sanitaria de Vigo, con preferencia sobre outros supostos de mobilidade interna, así como fóra da área e da Comunidade Autónoma. Contémplase tamén a redución de xornada retribuída ata un 50% de acordo coas previsións legais.

En canto ás medidas de Sensibilización, cabe subliñar o compromiso de organizar actos institucionais específicos contra a violencia á muller e a súa erradicación; promover a docencia e a investigación sobre as causas e as medidas que se poden adoptar na loita contra esta lacra; e promover entre todo o persoal a formación en igualdade e sensibilización contra a violencia .

Este Acordo recolle expresamente que toda a información relativa ás situacións de violencia contra a muller traballadora na Área Sanitaria manexaranse dentro da máis absoluta confidencialidade, con procedementos establecidos a través de canles seguras.

Como conclusión, o Acordo reitera o compromiso institucional existente contra todas as formas de violencia contra as mulleres, que inclúe o de promover a igualdade nas súas políticas sociais e de recursos humanos dentro das súas respectivas competencias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.