A área sanitaria de Vigo implanta un novo sistema de gardas de relevo

O obxecto é garantir a cobertura das ausencias sobrevidas dos médicos titulares que se produzan nas fins de semana e festivos nas Urxencias extrahospitalarias
Publicado por o día 05/04/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo implanta un novo sistema de gardas de relevo

A EOXI de Vigo pon en marcha esta fin de semana o novo sistema de Gardas de Relevo co obxecto de dar cobertura ás ausencias sobrevidas do persoal medico titular que traballa nos PACs (Puntos de Atención Continuada) as fins de semana e festivos.

Trátase dunha medida extraordinaria, deseñada para dar solución á indispoñibilidade do persoal médico para cubrir aquelas ausencias non programables, isto é, cando estas son coñecidas ás poucas horas ou na mesma quenda de traballo que o suceso causante. Durante o pasado 2018 e ata a data, lévanse rexistradas 14 ausencias sobrevidas que conlevaron obrigatoriedade na prestación de servizos para garantir asistencia á cidadanía.

A finalidade é ter mecanismos establecidos para dar resposta rápida ás incidencias e mellorar as condicións e calidade do traballo dos profesionais, que poderán organizar e planificar mellor a súa actividade, facilitándolles a conciliación familiar e laboral.

28 profesionais realizarán estas gardas

As características deste modelo –que viña sendo demandado polos facultativos- foron acordadas coa comisión de centro de Atención Primaria.

Esta proposta foi ofertada a todos os médicos de familia de Atención Primaria, tanto dos PACs como de centro de saúde, así como aos residentes que finalizan este ano. Inscribíronse 28 profesionais, que participarán na prestación de xeito voluntario. Así, atendendo a este calendario, cada un destes facultativos estará de garda localizada cando lle toque para cubrir calquera ausencia non programada que puidese xurdir nos PACs da área viguesa. Esta fin de semana xa hai dous médicos en expectativa de chamada para dar cobertura a esas incidencias.

Este programa é provisional, ata que dure a situación de falta de persoal para realizar estas substitucións.

Na área de Vigo hai 10 Puntos de Atención Continuada (PAC), dispositivos nos que se presta a atención urxente extrahospitalaria desde as 15.00 ás 8.00 horas de luns a sábado, e as 24 horas os domingos e festivos. Para isto contan con 74 médicos de familia en postos de atención continuada e 61 enfermeiras

Comentar noticia

Your email address will not be published.