A área sanitaria de Vigo impulsa a reciclaxe dos residuos nos seus centros

O DOG ven de publicar a formalización do contrato para o servizo de xestión dos residuos perigosos e non perigosos por un importe de máis de medio millón de euros
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo impulsa a reciclaxe dos residuos nos seus centros

A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo ven de darlle un impulso á reciclaxe de residuos nos centros sanitarios, cun programa específico para segregar os residuos en todas as Unidades, e que aqueles como o papel, cartón ou o plástico poidan ser reciclados con garantías.

Nesta liña, o Diario Oficial de Galicia ven de publicar a formalización do contrato para o servizo de xestión dos residuos perigosos e non perigosos dos centros dependentes da EOXI de Vigo por un importe de 523.301,96 euros.

Segundo explica o responsable deste proxecto, Manuel Corbacho Fernández– “Nos centros sanitarios xeramos un volume importante de residuos, e estamos en condicións de segregar con garantías de reciclaxe xa que, hoxe en día, o persoal está plenamente concienciado da importancia da recollida selectiva intrahospitalaria destes residuos, co obxecto de aplicar as estratexias de redución, reutilización e reciclaxe que nos permitan chegar a ser un complexo hospitalario ecolóxico”-.

A organización sanitaria viguesa desenvolve un Plan de Xestión Avanzada e Ecolóxica que ten por finalidade a correcta clasificación dos residuos o que facilita o seu posterior tratamento, de xeito que só se eliminen con procedementos especiais aqueles realmente perigosos ou tóxicos que puidesen entrañar riscos para a saúde pública ou medioambientais, como son os biocontaminados, os citostáticos e restos de químicos. Para levar a cabo este Plan, todas as Unidades contan con contedores específicos de recollida para a reciclaxe segregada de plástico, papel e outros, e con instrucións técnicas na que se detallan as normas a seguir para evitar que estes residuos cheguen ao vertedoiro.

No pasado ano, o CHUVI segregou para o seu reciclaxe 234.862 quilos de residuos non perigosos. Destes, cabe subliñar os 28.000 quilos de residuos orgánicos; 181.500 quilos de papel e cartón e 25.700 de plástico.

Os hospitais do CHUVI dispoñen de locais específicos para o almacenamento dos residuos. O 75% dos mesmos son xerados no hospital máis grande, no Álvaro Cunqueiro. “A nova infraestrutura do recinto hospitalario posibilitounos dispor dunha gran nave, específica e exclusiva para o almacenamento e xestión de residuos, emprazada lonxe do edificio central e de fácil acceso e manobra, que conta con dúas compactadoras, e diversos contedores para os diferentes tipos de residuos. Este novo dispositivo facilita a realización dunha xestión dos residuos moi segregada e diferenciada para o seu posterior tratamento”-afirma Corbacho.

3 millóns de quilos de residuos anuais

Os residuos sanitarios clasifícanse en dous grandes grupos: os residuos sanitarios non perigosos e os perigosos.

Os Non perigosos poden ser os Domésticos (Clase I) – aqueles xerados nos centros sanitarios similares aos producidos nos fogares- e os Non Domésticos (Clase II) que son os resultantes da actividade sanitaria diferentes aos producidos nos fogares. Nestas clases englóbanse o papel, cartón, cinza, aceite vexetal, compost, plástico, tecidos, vidro, etcétera…

Os residuos sanitarios Perigosos requiren un sistema de recollida e xestión específico así como procedementos especiais para a súa eliminación. Dentro dos perigosos hai varios subgrupos. Os Biocontaminados (Clase III) -cunha xestión diferenciada tanto no interior dos centros como no exterior en todas as etapas da xestión. Trátase de residuos que debido a súa contaminación con axentes patóxenos ou por conter altas concentracións de microorganismos supoñen un potencial risco para as persoas que entren en contacto con eles-.

Outros subgrupos son os Citotóxicos e Citostáticos (Clase IV); e outros residuos Químicos (Clase V: augas de laboratorio, disolventes, restos informáticos, solucións contaminadas, reactivos restos de medicamentos, baterías, etcétera).

O CHUVI produce anualmente 3.036.393 quilos anuais de residuos, dos que aproximadamente 2,5 millóns (un 83%) son Non perigosos, e 497.806 (un 17%) son Perigosos. Neste ultimo grupo cabe subliñar os 370.000 quilos de residuos biocontaminados e 112.000 químicos.