A área sanitaria de Vigo incrementa o persoal do centro de saúde de Porriño cun novo médico de familia

O novo efectivo permitirá unha redistribución dos cupos entre os profesionais, mellorando a ratio de atención e situándoa en 1470 TIS por médico
Por o 06/02/2019 | Sección: Galicia,O Porriño,Sanidad
A área sanitaria de Vigo incrementa o persoal do centro de saúde de Porriño cun novo médico de familia

A EOXI de Vigo incrementa o cadro de persoal do centro de saúde de Porriño cunha nova praza de especialista en medicina familiar e comunitaria. Así, o novo facultativo incorporarase o próximo 1 de marzo á Unidade de tarde do centro de saúde, o que incrementará a oferta horaria dos servizos á cidadanía. Con este profesional, Porriño contará cun total de 12 médicos xerais -6 na xornada de mañá e 6 de tarde- e 3 pediatras (un deles comparte a xornada co centro de saúde de Mos).

O centro de saúde de Porriño atende a unha poboación de 19.993 persoas, das que 2.976 son menores de 14 anos. Polo tanto, este servizo de atención primaria disporá de 12 médicos xerais para atender a 17.017 TIS (Tarxetas sanitarias individuais).

O feito de contar cun efectivo máis permitirá unha redistribución dos cupos entre todos os facultativos, para equilibrar as cargas de traballo e que o reparto sexa máis equitativo. De feito, cada cupo diminuirá en 130 pacientes, acadando unha ratio de 1.418 TIS por médico, o que mellora de xeito moi significativo a ratio previa (1.547) e sitúaa nunha contorna da media da área sanitaria. Isto permitirá mellorar as condicións laborais dos profesionais e, en consecuencia, a calidade asistencial ofertada aos pacientes.

Ampliación de 700 metros cadrados

O centro de saúde do Porriño verá incrementada a súa superficie útil en preto de 700 metros cadrados. Así o confirmou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, durante a súa visita á instalación sanitaria do Porriño, o pasado 4 de xaneiro. Este ano sairán a licitación o proxecto básico e de execución das obras, nas que a Consellería realizará un investimento de máis dun millón de euros.

Segundo explicou o titular da carteira sanitaria de Galicia, o plan funcional de espazos do centro de saúde do Porriño, contempla un incremento de superficie tanto na área de urxencias (Punto de Atención Continuada), como na área médica e pediátrica, adaptándose así as necesidades asistenciais e de persoal actuais e futuras do Concello do Porriño.

Neste senso, e en base ao devandito plan funcional, a área médica incrementarase en preto de 190 m2 útiles, contemplando unha nova consulta de medicina de familia, outra de pediatría, 1 sala de toma de mostras e unha consulta de matrona. Tamén contempla unha sala de docencia e unha consulta de programa da muller.

O Plan funcional de espazos inclúe unha área de fisioterapia de preto de 150 m2 útiles, mentres que o PAC verá ampliada a súa superficie en preto de 130 m2 útiles e dotarase con 2 novas consultas de medicina, 1 DUE e unha nova sala de observación, entre outros espazos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.