A área sanitaria de Vigo inviste 7,4 millóns de euros na compra de marcapasos e desfibriladores

O Servizo de Cardioloxía do CHUVI coloca 400 marcapasos e algo máis de 90 desfibriladores anualmente
Publicado por o día 03/04/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo inviste 7,4 millóns de euros na compra de marcapasos e desfibriladores

A área sanitaria de Vigo investirá 7,4 millóns de euros na adquisición de marcapasos e desfibriladores para o servizo de Cardioloxía do CHUVI, de acordo coa resolución publicada onte.

Os dispositivos que comezarán a adquirirse destinaranse á Unidade de Arritmias do CHUVI, encargada da súa implantación. En concreto, o servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo coloca ao ano ao redor de 400 marcapasos e algo máis de 90 desfibriladores.


Para a realización das intervencións a Unidade de Arritmias dispón no Hospital Álvaro Cunqueiro de dúas salas de Electrofisioloxía, cun importante volume de actividade de implantación de marcapasos, desfibriladores e holters.

A mencionada Unidade recibiu, o pasado mes de setembro, unha acreditación nacional da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) polo proceso de “Seguimento de Dispositivos de Estimulación Cardíaca”, en recoñecemento ao cumprimento dos estándares de calidade. A citada acreditación “SEC Excelente” foi outorgada a unha decena de hospitais en España, entre os que está o Álvaro Cunqueiro..

Os dispositivos cardíacos son cada vez máis avanzados tecnoloxicamente e están en continua evolución e innovación, polo que o seu seguimento é moi complexo; esta acreditación ratifica a calidade asistencial destas prestacións e axudan a seguir mellorando a calidade de vida dos pacientes con enfermidades cardiovasculares.

As arritmias cardíacas supoñen unha alteración do ritmo cardíaco e son patoloxías moi prevalentes. De feito, a máis frecuente, a fibrilación auricular, afecta a entre un 3 e un 4% da poboación da área sanitaria de Vigo.

A Unidade de Arritmias do Álvaro Cunqueiro está composta por un equipo de catro electrofisiólogos, cinco profesionais de enfermaría e dúas TCAEs, que traballan cos últimos avances tecnolóxicos en tratamentos cardíacos.
Esta Unidade foi das primeiras en España e a primeira de Galicia na implantación de dispositivos sen cables no ventrículo dereito e de desfibriladores bicamerais (na aurícula e no ventrículo).

Outras acreditacións

A Sociedade Española de Cardioloxía ven de distinguir hai poucos días ao CHUVI con outras tres acreditacións de excelencia en procesos e procedementos cardiolóxicos. O Álvaro Cunqueiro foi o único hospital de España que se fixo con tres acreditacións de calidade asistencial nesta ocasión.

En concreto, foi a acreditación no proceso asistencial da “síndrome coronaria aguda con elevación de ST”, considerada como a presentación máis grave do infarto. As outras dúas acreditacións foron polo proceso de rehabilitación cardíaca implantado no CHUVI, así como polo procedemento do “balón de contrapulsación intraaórtico”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.