A área sanitaria de Vigo mantén a lista de espera cirúrxica a pesar do efecto da COVID-19

O Chuvi acadou os obxectivos fundamentais neste ámbito: garantir a Prioridade1 e situar a demora media para unha intervención cirúrxica en torno aos 60 días

Os datos oficiais feitos públicos hoxe polo Servizo Galego de Saúde reflicten que a 31 de decembro do 2020 a demora media global para operarse no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo foi de 66,3 días (5 días máis que o pasado ano).

Segundo afirma o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto “trátase duns datos que superaron as nosas expectativas, dado que a pesar do efecto da pandemia da Covid19 e da obrigada redución da actividade, conseguiuse remontar e manter as demoras medias similares ás do pasado ano, en torno aos dous meses de espera”.

Hai que ter en conta que, por primeira vez na historia da sanidade pública viguesa, no ano 2019 a demora media para realizar unha intervención cirúrxica situouse en dous meses. No último exercicio acadouse manter ese dato, minimizando o impacto da Covid-19, con gran repercusión en todos os ámbitos asistenciais -estruturais, de recursos de persoal, organizativos e de seguridade-, o que obrigou a dirixir todos esforzos á atención aos pacientes con esta patoloxía, condicionando así o resto da actividade realizada.

“Sen embargo -explica o xerente- facendo unha análise rigorosa e honesta destes resultados, hai que subliñar que existen dúas variables que é necesario introducir nesta avaliación. Unha é a menor frecuentación da cidadanía aos servizos sanitarios, que conleva unha diminución das indicacións de entrada na lista de espera; e a outra variable é a priorización cirúrxica dos pacientes que levaban máis tempo esperando. Estes dous factores, menos entradas na lista e intervencións dos pacientes con demoras máis longas, contribúen a que no cómputo global, os tempos de espera medio sexan moi similares aos do ano pasado”.

Obxectivo cumprido na Prioridade 1

Por tramos temporais, dos 6.824 pacientes que nestes momentos están a espera dunha operación, o 77% presentan unha demora media entre 0-3 meses; o 20% entre 3 -6 meses; e un 2,5% están no rango entre 6-12 meses. 0 xerente subliñou que por segundo ano consecutivo a lista de espera estrutural non rexistra pacientes que leven máis de 12 meses esperando unha intervención cirúrxica.

Hai que destacar tamén que a demora media actual para as intervencións cirúrxicas de Prioridade 1 no Chuvi é de 22,8 días, polo que continúase garantindo e mellorando o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade, que establece que estas intervencións de maior gravidade se operen en menos de 30 días.

Menos esperas en Cirurxía Torácica, Dermatoloxía e Uroloxía

Segundo os servizos sanitarios, cabe subliñar que 10 das 14 especialidades cirúrxicas rexistran unha espera media por debaixo dos 60 días. Entre aquelas que presentan mellores resultados destacar Cirurxía Torácica (24,5 días); Dermatoloxía (40,4 días); Uroloxía (42,8días); e Cirurxía Vascular (46,6 días).

Outras das especialidades que tamén evidenciaron unhas significativas melloras das súas demoras medias son Xinecoloxía, con 51,7 días de espera, 8 menos que no exercicio anterior; Cirurxía Plástica, con 15,5 días menos e unha demora actual de 60,7 xornadas.

Sen espera para as sospeitas de patoloxía oncolóxica

No referido ás consultas externas, a 31 de decembro hai rexistrados 24.251 pacientes que esperan unha media de 41 días para ser atendidos por un especialista. Son un 34% de pacientes menos que o pasado ano e que esperan 10 días menos.

Sen dúbida, estes resultados están en relación cunha menor demanda de atención médica por parte da cidadanía e tamén coas medidas impulsadas polo Sergas para manter a actividade en consultas externas, compatibilizando os modelos de atención presencial coa teleconsulta e a consulta telefónica.

Ademais, para aqueles pacientes con sospeita de cancro mantense activados uns circuítos asistenciais específicos para axilizar a súa atención, as chamadas Vías Rápidas de Atención. A dia de hoxe, a Área Sanitaria de Vigo ten implementadas as Vías de Colon, Mama, Melanoma, Pulmón, Cabeza e Colo, Próstata, Vexiga e Anafilaxia Himenópteros. O tempo transcorrido desde o diagnóstico de sospeita ata a primeiro contacto co especialista hospitalario é de menos de 1 día de demora media global.

Continúa mellorando a espera para endoscopias

En canto ás probas diagnósticas, cabe subliñar os resultados rexistrados nas endoscopias dixestivas – un dos procedementos que historicamente presentan unha maior demanda e tamén maior demora-. Así, conseguiuse baixar a demora media

destas probas en 13.5 días ao pasar das 71 ás 57,5 xornadas. “Sen embargo, en xeral, as demoras medias do resto das probas diagnósticas teñen que mellorar, polo que ao longo deste ano deseñarase unha estratexia que nos permita situar eses tempos de espera en rangos aceptables”.

Para finalizar, o xerente asegurou que continuarase traballando no desenvolvemento de actuacións que faciliten manter ese equilibrio necesario para dar unha resposta ás necesidades asistencias que plantea a atención a esta pandemia sen detrimento da atención ao resto de enfermidades. “Nestes momentos estamos mellor preparados, temos xa consolidados os novos circuítos organizativos e asistenciais, dispoñemos dunha gran capacidade diagnóstica, coñecemos mellor o comportamento do virus e contamos con terapias máis eficaces para facerlle fronte. Por isto, teño a absoluta convicción de que este ano conseguiremos progresar e compatibilizar coas máximas garantías esa dobre atención simultánea ao Covid e ao resto de patoloxías”

O xerente aproveitou para agradecer o traballo e compromiso dos profesionais e dixo que “Isto ten sido unha proba de resistencia para o sistema sanitario da que, sen lugar a dúbidas, saímos reforzados, xa que nos fixo tomar conciencia da nosa potencialidade organizativa, profesional e humana ao tempo que pudimos sentir a confianza da nosa poboación na sanidade pública galega e nos seus profesionais”

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM