A área sanitaria de Vigo mantén activo o plan de continxencia fronte á gripe

Desde o pasado mes de novembro tense reforzado as Urxencias do hospital cun equipo máis de profesionais composto por un facultativo, un profesional de enfermaría, TCAE e celador. Tamén reforzáronse os servizos de Medicina Interna con dous facultativos máis e Neumoloxía cun especialista máis
Publicado por o día 09/01/2020 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo mantén activo o plan de continxencia fronte á gripe

Á espera do pico da gripe, e cos informes semanais de vixilancia da actividade gripal amosando unha tendencia crecente, a Área Sanitaria de Vigo garante a atención nos centros sanitarios e asegura o funcionamento do seu Plan de Continxencia para a Gripe 2019/20, elaborado coa antelación debida. Este documento, no que se contemplan as actuacións previstas en cada circunstancia para axilizar a resposta segundo vaian crecendo as necesidades asistenciais, foi presentado o pasado mes de outubro.

Así, desde o mes de novembro tense reforzado as Urxencias do Hospital cun equipo máis de profesionais composto por un facultativo, profesional de enfermaría, TCAE e celador. Asimesmo, reforzáronse tamén os servizos de Medicina Interna, con dous facultativos máis, e Neumoloxía cun especialista máis.

3.343 atencións urxentes na primeira semana do ano

No que vai de ano, o servizo de Urxencias do Álvaro Cunqueiro leva atendidos a 3.343 pacientes adultos. Iso supón unha media diaria de 418 atencións, por enriba da media do pasado ano, que foi de 355 .

Segundo afirma o xefe do servizo de Urxencias do CHUVI, Angel Pichel “a dia de hoxe, esta maior frecuentación das Urxencias hospitalarias non está vinculada á gripe, xa que aínda que xa hai casos diagnosticados, todavía non ten acadado o pico de intensidade. Este repunte asistencial é debido ás infeccións respiratorias estacionais, habituais nesta época ano, e a reagudización de patoloxías crónicas en pacientes anciáns”.

O incremento de actividade está sendo asumido con absoluta normalidade e eficacia, gracias ao esforzo dos profesionais sanitarios da Urxencia hospitalaria, sen que ata agora téñase rexistrado incidencias significativas na prestación do servizo.

Ademais, as Urxencias de adultos dispoñen dunha estrutura de gran capacidade para asumir un elevado volume de pacientes xa que contan, entre os recursos físicos máis relacionados coa patoloxía gripal, con dous postos de triaxe -ampliables a tres-; catro postos de paciente críticos; 90 postos en boxes e 2 de illamento; 30 camas de observación; 10 postos en sala de preingreso, e 8 consultas.

Ampliación de camas

Entre outras medidas, e en función da situación da ocupación dos hospitais, o Plan de Continxencia contempla a ampliación das camas de hospitalización.

En caso de necesidade, a flexibilidade do Complexo permite un incremento moi significativo do número de camas, dada a posibilidade de duplicar cunha segunda cama as habitacións individuais do Álvaro Cunqueiro, ademais das 60 camas a maiores dispoñibles e preparadas para activar en caso de que sexa necesario no Meixoeiro. En total, a capacidade de hospitalización do CHUVI é de case 1100 camas.

Neste momento, xa habilitouse a Fase 2 no servizo de Neumoloxía, duplicando ás camas en 11 habitacións individuais no Álvaro Cunqueiro; así como un ala con 30 camas no Hospital Meixoeiro.

Tests rápidos de Microbioloxía

O servizo de Microbioloxía é un dos que desempeñan un papel fundamental no apoio ao diagnóstico da patoloxía gripal. Este ano -o mesmo que nos dous últimos-, os profesionais deste servizo realizan un test rápido a aqueles pacientes que o facultativo de Urxencias diagnostica con sospeita de gripe.

A proba é inmediata, tarda minuto e medio, e os facultativos das áreas de Urxencias poden dispoñer do resultado para activar o protocolo de protección e illamento dos pacientes.

Este procedemento representa unha ferramenta moi eficaz para realizar una primeira valoración dos pacientes e sobre todo para evitar contaxios.

Obxectivos do Plan de continxencia

O Plan de Continxencia para a Gripe 2019/20 da área sanitaria, establece a activación e coordinación dos servizos e recursos de atención primaria e hospitalaria para optimizar a atención á gripe e as súas consecuencias.

Isto é, recolle todas aquelas actuacións planificadas que se van desenvolver para minimizar o impacto desta patoloxía, tanto nos usuarios como nos profesionais, así como para garantir a adecuada organización de medios e atención asistencial nesta campaña. Entre os seus obxectivos cabe subliñar os seguintes: priorizar a atención destes pacientes en Atención Primaria evitando os desprazamentos dos mesmos ao servizo de Urxencias hospitalario; evitar as consecuencias máis graves debidas a infección e evitar que se produzan abrochos; previr picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais; prestar a mellor asistencia aos pacientes con gripe coa mínima incidencia sobre o funcionamento nos hospitais e centros de saúde; contemplar os procedementos alternativos á orde normal da organización co fin de garantir o correcto funcionamento dos servizos asistenciais.

A vacina segue dispoñible

Por outra banda, Sanidade recorda que aínda están a tempo de vacinarse todas aquelas persoas que o desexen e non o teñan feito. Aínda que a campaña rematou o día 27 de decembro, as doses seguen dispoñibles durante o mes de xaneiro nos puntos de vacinación repartidos na área viguesa (centros de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da terceira idade e outros).

A Consellería insiste na importancia de que as persoas incluídas nalgún dos grupos preferentes renoven a vacinación cada ano, xa que a vacina antigripal non só limita o número de casos de gripe, senón que diminúe as posibilidades de que aparezan formas severas da enfermidade e reduce o risco de complicacións, hospitalización e morte.

Desde o comezo da tempada, o 30 de setembro, na área de Vigo dispensáronse 106.000 doses de vacinas contra a gripe, acadándose protexer a 8.361 persoas máis que na campaña anterior.

Comentar noticia

Your email address will not be published.