A área sanitaria de Vigo presenta a lista de agarda máis baixa da súa historia

Por primeira vez o Chuvi acada unha demora media para realizar unha intervención cirúrxica de 61 días, 19 menos que no ano anterior
Publicado por o día 17/01/2020 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo presenta a lista de agarda máis baixa da súa historia

A área sanitaria de Vigo ven de presentar os mellores resultados da lista de espera cirúrxica da historia da sanidade pública viguesa. Así, segundo reflicten os datos oficiais feitos públicos hoxe polo Servizo Galego de Saúde, a 31 de decembro do 2019 a demora media global para operarse no Complexo vigués foi de 61.2 días, 18.6 días menos que o pasado ano (un 23.3%).

Segundo afirma o xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña “trátase duns datos sen parangón, que teñen superado as nosas expectativas, xa que nunca na historia da sanidade pública viguesa conseguiuse establecer a demora media para realizar unha intervención cirúrxica en dous meses. Con este descenso de 38 días dende a posta en marcha do Hospital Alvaro Cunqueiro e o novo papel do Hospital do Meixoeiro, Vigo colócase á par dos grandes hospitais de Galicia”-.

Ademais, o xerente subiñou que é o primeiro ano que a lista de espera estrutural non rexistra pacientes que leven máis de 12 meses esperando unha intervención cirúrxica.

Hai que destacar tamén que a demora media actual para as intervencións cirúrxicas de Prioridade 1 no Chuvi é de 20.6 días, unha xornada menos que no mesmo periodo do ano anterior. Polo tanto, continúase garantindo e mellorando o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade, que establece que estas intervencións de maior gravidade se operen en menos de 30 días.

“A diminución da lista de espera é un dos obxectivos prioritarios recollidos no Plan Estratéxico da Área Sanitaria de Vigo, sendo un dos principais criterios inspiradores da nosa xestión, xa que representa unha obriga ineludible co servizo público de saúde e coa cidanía”-asegurou García Comesaña.

Nunha análise dos factores que fixeron posible acadar esta significativa redución dos tempos de espera cirúrxicos, o xerente explicou que a apertura do hospital Álvaro Cunqueiro e a conseguinte reorganización da área foi determinante neste avance. “A nova estrutura dispoñible, con máis recursos físicos e humanos, a incorporación de novo equipamento tecnolóxico, os cambios organizativos introducidos e, sobre todo, o compromiso dos profesionais sanitarios, permitiron darlle este pulo á lista de espera cirúrxica.”

En canto aos cambios organizativos, García Comesaña insistiu na especialización dos hospitais nas prestacións asistenciais, cuns criterios de atención fixados segundo as necesidades dos pacientes e a súa patoloxía. Asegurou que a decisión de realizar a actividade da cirurxía urxente e de maior complexidade nos quirófanos do Álvaro Cunqueiro, mentres que a cirurxía ambulatoria se centralizaba no Meixoeiro, foi trascendental. “ A día de hoxe, o Meixoeiro é o maior centro especializado de Galicia en cirurxía ambulatoria e de curta estadía, sendo por tanto un hospital esencial para acurtar a lista de espera en Vigo, xa que nas súas instalacións efectúase 2/3 de toda a actividade cirúrxica do Chuvi”.

Menos esperas en Cirurxía Torácica,Uroloxía e Vascular

Segundo os servizos sanitarios, cabe subliñar que 9 das 13 especialidades cirúrxicas sitúan a súa espera media por debaixo dos 60 días. Entre aquelas que presentan mellores resultados destacar Cirurxía Torácica (26 días); Uroloxía (34,4días); Cirurxía Vascular (44,1 días); ou Dermatoloxía (49,6 días).

O xerente tamén quixo subliñar o esforzo realizado por outros servizos como Cirurxía Cardíaca, que acadou diminuír o seu tempo de espera media en 46 días ao pasar dos 99 do exercicio anterior aos 53,5 actuais; ou Traumatoloxía, que reduciu en 26 días a súa demora, e baixou de 99 a 73,3 xornadas.

Outras especialidades que tamén rexistran unhas significativas melloras das súas demoras medias son Xinecoloxía, con 60 días de espera, 33 menos que no exercicio anterior; Cirurxía Plástica, con 18 días menos e unha demora actual de 66,3; ou Oftalmoloxía, que diminuíu 16 días a súa demora e neste momento rexistra 57,6 días de media para realizar unha intervención cirúrxica.

Sen espera para as sospeitas de patoloxía oncolóxica

No referido ás consultas, a demora media para ser atendido por un especialista nas consultas externas sitúase en 50.6 días, dato igual ao do pasado ano.

Ademais, para aqueles pacientes con sospeita de cancro téñense activados uns circuítos asistenciais específicos para axilizar a súa atención, as chamadas Vías Rápidas de Atención. A dia de hoxe, a Área Sanitaria de Vigo ten implementadas as Vías de Colon, Mama, Melanoma, Pulmón, Cabeza e Colo, Próstata, Vexiga e Anafilaxia

Himenópteros. O tempo transcorrido desde o diagnóstico de sospeita ata a primeira actividade terapéutica é moi reducido, sendo de 2,2 días de demora media global.

Espectacular diminución do tempo de espera para endoscopias

En canto ás probas diagnósticas, a 31 de decembro, a radioloxía convencional presenta unha demora media de 26.3 días (5 días menos que no ano anterior). Hai que destacar tamén o importante descenso do tempo para realizar un TAC, que é de 43.6 días, 36 menos que no exercicio anterior; ou os 20 días de espera -9 menos- para os procedementos de medicina nuclear (PET, SPECT ou Ganmagrafías).

Sen embargo, os resultados máis espectaculares se rexistran nas endoscopias – unha das probas que historicamente presentan unha maior demanda e tamén maior demora-, reducindo en máis da metade (un 52%) as demoras medias para realizar este tipo de técnicas. Así, mentres que o pasado ano o tempo de espera era de 127.5 días, os últimos datos oficiais rexistran 61.2 días; isto é, dous meses menos de espera (66.3 xornadas).

Para finalizar, o xerente expresou a súa convicción de que este ano vaise seguir progresando e avanzando nesta liña, poñendo especial atención nas consultas externas e nas probas diagnósticas, e aproveitou para felicitar e agradecer o traballo e implicación dos profesionais, verdadeiros artífices deste fito histórico, que en catro anos tiveron que realizar un esforzo sen precedentes para adaptarse e integrase en novas estruturas

–novos espazos e equipos- e, sobre todo, nun novo modelo sanitario, asistencial e organizativo. “Agora, unha vez temos consolidado ese novo modelo é cando recollemos os froitos dese esforzo colectivo”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.