A área sanitaria de Vigo presentou aos profesionais de atención primaria o documento do grupo de expertos para o futuro deste nivel asistencial

A presentación correu a cargo do xerente, quen realizou a introdución, e dos catro membros do grupo asesor da área viguesa, Francisco Represas, Ana Clavería, Manuel Dominguez e Teresa Vals
Publicado por o día 20/11/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo presentou aos profesionais de atención primaria o documento do grupo de expertos para o futuro deste nivel asistencial

A sede da Dirección de Atención Primaria de Vigo, en Rosalía de Castro, acolleu a presentación do documento estratéxico e de xestión elaborado por 16 expertos en atención primaria independentes e titulado: “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”,

Este acto, ao que asistiron máis de 60 persoas das diferentes categorías profesionais (facultativos, enfermeiras, matronas, fisioterapeutas, odontólogos, administrativos, etcétera) foi convocado pola xerencia da área sanitaria de Vigo. A presentación correu a cargo do xerente, Julio Garcia Comesaña -quen realizou a introdución- xunto cos catro membros do grupo asesor da área viguesa: Francisco Represas, especialista en enfermería familia e comunitaria; os médicos Ana Clavería e Manuel Dominguez; e Teresa Vals, pediatra xubilada e ex presidenta de AGAPap.

Na súa intervención, Garcia Comesaña sinalou que este documento “propón unha profunda transformación da atención primaria, deixando o papel de porta da entrada ao sistema sanitario para ser o eixo vertebrador do mesmo”.

Tamén explicou que é o resultado dun dos acordos asinados no pasado mes de marzo entre as sociedades científicas de atención primaria en Galicia (Semergen, Semg e Agamfec), o Consello Galego de Colexios Médicos e o Sergas. Remarcou que o traballo desenvolvido por este grupo de expertos é perfectamente complementario co levado a cabo para a elaboración do Plan de Atención Primaria 2019-2021, e o que se está a liderar dende o Consello Técnico de Atención Primaria.

Para finalizar o xerente concluíu que “esta presentación é unha etapa máis, importante sen dúbida, dun proceso complexo, transparente e participativo, que xa presenta resultados pero que non se vai deter aí”.

Principios e medidas

As sociedades científicas e o Consello Galego de Colexios Médicos propuxeron os nomes dos expertos que elaboraron o documento, encabezados por Rafael Bengoa, que na actualidade é codirector do Institute for Health and Strategy e foi conselleiro de Sanidade do Goberno Vasco; e Jordi Varela, especialista en xestión clínica.

Este documento foi aprobado pola totalidade dos membros e establece o marco conceptual no que se debe situar a atención primaria en Galicia.

Para a súa implementación plantea tres velocidades, curto, medio e longo prazo. Unhas medidas urxentes para realizar os vindeiros 6 meses; unhas liñas a desenvolver a medio prazo, nos vindeiros dous anos; e outras liñas a longo prazo, para levar a cabo nos próximos catro anos.

O obxectivo é reorientar o sistema de saúde cara a unha cuádruple meta: mellorar a saúde poboacional así como a calidade e a experiencia do paciente; e incrementar a eficiencia e a satisfacción dos profesionais.

Os principios guía da estratexia proposta polos 16 expertos son o fortalecemento dos valores do sistema público de saúde como a proximidade e a accesibilidade; a vertebración do sistema de saúde en atención primaria; e a organización dun sistema local integrado de saúde para que o paciente sexa atendido no lugar adecuado en cada momento. Tamén son principios fundamentais do documento fortalecer a equidade e o papel do paciente; promover a autonomía local para decidir, innovar e xestionar recursos humanos a nivel local; permitir novas asignacións de funcións entre profesionais, e, ademais, asegurar a suficiencia económica e a viabilidade normativa.

Entre as medidas urxentes propostas cabe subliñar mellorar as condicións de traballo e acceso dos postos asistenciais; corrixir a sobredemanda nalgúns centros de saúde; configurar as funcións dos profesionais sanitarios responsables dos servizos de primaria; ou sentar as bases da realización dos plans locais de saúde. Tamén propón, entre outras medidas urxentes, elaborar un plan de relevo xeracional de profesionais a nivel de cada área sanitaria; estandarizar os procesos asistenciais incluídas as probas complementarias, e potenciar as competencias do persoal de enfermería. Igualmente, o documento propón, entre as medidas urxentes, reforzar a actividade formativa e investigadora en atención primaria e desenvolver un proxecto xeral dirixido á cidadanía.

Entre as medidas a medio prazo están ampliar a carteira de servizos nos centros de saúde; potenciar as prácticas clínicas de valor ou crear un foro de centros de saúde para compartir experiencias.

A longo prazo establece a colaboración e integración entre os servizos de primaria e os servizos sociais de cada territorio.

Concordancia co Plan Galego de Primaria e cos traballos do Consello Técnico

Este documento presenta puntos de concordancia co Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, aprobado polo Goberno autonómico o pasado mes de maio e dotado con máis de 102 millóns de euros. Entre eses puntos concordantes están a integración, baixo unha única gobernanza nunha área sanitaria, dos recursos de atención hospitalaria e primaria; ademais da proposta dunha dirección de atención primaria de área.

Tamén concorda o documento dos expertos co Plan de Primaria do Goberno galego en fortalecer o papel integrador e xestor do xefe de servizo e o papel do equipo multidisciplinar, así como en colocar ao paciente como eixo central da atención.

Outros puntos concordantes son o reforzo das competencias do persoal de enfermería; a implantación de procedementos de resolución da demanda non programada ou a estandarización dos procesos asistenciais.

Do mesmo xeito, existe unha importante coincidencia cos traballos que se están xa a desenvolver a través das comisións sectorais do Consello Técnico de Atención Primaria, como é a elaboración das carteiras de servizos das distintas categorías, promocionando o traballo multidisciplinar na atención primaria, ou as recomendacións para evitar accións sen valor terapéutico. Na propia creación do Consello Técnico recoñecíase que a atención primaria debería converterse no eixo vertebrador do sistema sanitario.

As sociedades científicas e o Consello Galego de Colexios Médicos propuxeron os nombres dos expertos e o documento hoxe presentado foi aprobado pola totalidade dos membros e establece o marco conceptual no que se debe situar a atención primaria en Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.