A área sanitaria de Vigo realiza un cribado da COVID-19 á pobación de Redondela

Vaise invitar a participar a 3.500 persoas asintomáticas dese Concello a realizarse unha proba PCR no Covid-Auto do Álvaro Cunqueiro
Publicado por o día 08/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Redondela

A área sanitaria de Vigo realiza un cribado da COVID-19 á pobación de Redondela

A Área Sanitaria de Vigo continúa desenvolvendo a estratexia para realizar un cribado poboacional, mediante a realización da proba PCR, a persoas asintomáticas, e detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos.

Neste contexto, o Sergas xa está invitando a 3.500 persoas do Concello de Redondela a realizarse unha proba diagnóstica, desde hoxe e ata o venres, no Covid-Auto do hospital Álvaro Cunqueiro.

Esta decisión adoptouse dada a elevada incidencia da Covid-19 mantida nos últimos 14 días en Redondela. O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Participación voluntaria

A Área Sanitaria de Vigo oferta participar neste cribado a aquela poboación do Concello de Redondela que cumpran determinados requisitos: estar no rango de idade entre 18 e 60 anos; non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas; e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos “Lembra” que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.

As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario habilitado, no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.