A área sanitaria de Vigo realizará un cribado a 22.000 persoas do Concello de Vigo

A partir do próximo venres iniciarase este cribado con test de antíxenos no Instituto Ferial de Vigo
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Coronavirus,Concello de Vigo,Galicia,Salud,Sanidad,Vigo

A área sanitaria de Vigo realizará un cribado a 22.000 persoas do Concello de Vigo

Un total de 22.000 persoas do Concello de Vigo serán invitadas a participar nun novo cribado poboacional masivo, con test de antíxenos, no Instituto Ferial de Vigo. Asi, a partires da tarde do venres e ata o próximo mércores habilitarase no IFEVI un dispositivo sanitario composto por unha vintena de profesionais de enfermaría para realizar estas probas.

Na actual situación de pandemia e de transmisión comunitaria é necesario por en marcha todos aqueles métodos de detección que permitan identificar o maior número de casos de infección activos na poboación.

Neste momento, a Área Sanitaria realiza a detección mediante as probas de PCR con citación en Covid-Auto seleccionando mostras de poboación adscrita aos centros de saúde. A dispoñibilidade de Test de antíxenos permitirá ampliar a porcentaxe do número de persoas que poden ser obxecto deste cribado.

O Test de antíxenos consiste nunha técnica que se realiza no mesmo punto da atención sanitaria tras a toma da mostra (extracción nasofarínxea). Preséntase en pequenos kits que conteñen todo o material necesario para facer as determinacións individualmente. Trátase dun procedemento sinxelo cuxo principal potencial é o de proporcionar un diagnóstico rápido (nuns 15 ou 20 minutos), polo que permite realizar as accións de control de forma inmediata.

Unha vez realizada a proba se lle comunicará á persoa testada in situ o resultado. Se é positivo se lle ofrecerá as indicacións sanitarias pertinentes.

Esta actuación se enmarca na estratexia desenvolvida polo Sergas para realizar cribados poboacionais a persoas asintomáticas, e detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos. O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Participación voluntaria

A Área Sanitaria de Vigo oferta participar neste cribado a unha porcentaxe da poboación no rango de idade entre 20 e 60 anos; que non teña realizada unha proba PCR nos últimos 2 meses; e dispoña dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos “Lembra”, que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS

As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao IFEVI, onde se lle realizará o test.