A área sanitaria de Vigo realizará un cribado da COVID19 á pobación de Tui

Esta decisión adoptouse dada a elevada incidencia do coronavirus rexistrada, co obxectivo de identificar ao maior número de persoas que estean infectadas pero non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública
Publicado por o día 04/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad,Tui

A área sanitaria de Vigo realizará un cribado da COVID19 á pobación de Tui

A Área Sanitaria de Vigo continúa desenvolvendo a estratexia para realizar un cribado poboacional, mediante a realización da proba PCR, a persoas asintomáticas, e detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos.

Neste contexto, o Sergas vai invitar a 2.500 persoas do Concello de Tui a realizarse unha proba diagnóstica o próximo martes dia 8 no pavillón polideportivo municipal “vello”. Ata alí achegarase un equipo de 9 profesionais de enfermaría para efectuar este test, desde as 8.00 ás 22.00 h.

Esta decisión adoptouse dada a elevada incidencia da Covid-19 mantida nos últimos 14 días en Tui. O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Trátase de continuar desenvolvendo iniciativas que permitan incrementar a capacidade diagnóstica da área para facer fronte a pandemia da Covid-19. En vez de esperar a aparición de pacientes con síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.

O xerente da Área sanitaria, Javier Puente, desprazouse hoxe á ese concello para supervisar o dispositivo deste cribado.

Participación voluntaria

A Área Sanitaria de Vigo ofertará participar neste cribado a aquela poboación do Concello tudense que cumpran determinados requisitos: estar no rango de idade entre 18 e 60 anos; non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas; e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos “Lembra” que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.

As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario habilitado, no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.