A área sanitaria de Vigo reduce nun 10% a demora media da lista de agarda cirúrxica

Trátase dos mellores resultados acadados nos últimos anos, situando a demora media cirúrxica en 79,8 días
Por o 27/01/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A área sanitaria de Vigo reduce nun 10% a demora media da lista de agarda cirúrxica

A EOXI de Vigo continúa mellorando os resultados de actividade e de demora nas súas listas de espera. Segundo reflicten os datos oficiais feitos públicos hoxe polo Servizo Galego de Saúde, a área viguesa incrementa de xeito moi significativo a actividade asistencial realizada polos seus profesionais, tanto en consultas como en intervencións cirúrxicas e, en consecuencia, consigue reducir así as súas demoras medias globais, que na espera cirúrxica cuantifícase nun 10% menos con respecto ao ano anterior.

A 31 de decembro do 2018, a demora media global para operarse no Complexo vigués era de 79,8 días, 9 días menos que o pasado ano (un 10%); mentres que a demora media para as consultas externas situábase en 50,5 días, 3,1 xornadas menos que no 2018 (un 5,7%).

Segundo afirma o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial “conseguimos acadar o obxectivo fixado o pasado ano, e feito público, de reducir as demoras medias da lista de espera nun 10%. E temos que seguir nesa liña de progreso, xa que tal e como establece o noso Plan Estratéxico, a diminución da listas de espera é unha prioridade absoluta e un compromiso irrenunciable”-.

Cifra histórica, 37.000 intervencións realizadas

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo acadou o pasado ano unha cifra histórica ao superar a barreira das 37.000 intervencións totais. En concreto, os profesionais efectuaron 579 máis que o ano anterior (un 3,5 por cento). Destas, 30.082 foron programadas (804 máis, un 2,75%) e 6.927 urxentes.

Neste incremento da actividade cirúrxica cabe subliñar tamén o crecemento constante da cirurxía ambulatoria, contabilizándose 18.497 procedementos desta modalidade, o 61,4% do total. Estes datos seguen consolidando ao Meixoeiro no maior centro de cirurxía ambulatoria de Galicia.

Segundo as demoras medias por especialidades, cabe subliñar que sete das 14 especialidades cirúrxicas, sitúan a súa espera por debaixo dos 65 días. Entre aquelas que presentan mellores resultados cabe subliñar a Cirurxía Torácica (28,8 días); Uroloxía (30,8 días); Neurocirurxía (43 días) ou Cirurxía Vascular (50,8 días) . Hai que destacar tamén que a demora media actual para as intervencións cirúrxicas de Prioridade 1 no Chuvi é de 21.85 días, 2,4 xornadas menos que no exercicio anterior, un 9,8%. Polo tanto, continuase garantindo e mellorando o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade, establecido en 30 días.

Vías rápidas en consultas

No referido ás consultas, os especialistas do Hospital realizaron 756.144 consultas externas (4.329 máis que o pasado ano), das que 33.291 son e-interconsultas. Como consecuencia deste aumento da actividade hai un millar menos de pacientes a espera de ser atendidos.

Ademais, para aqueles pacientes con sospeita de cancro téñense activados uns circuítos asistenciais específicos para axilizar a súa atención, as chamadas Vías Rápidas de Atención. O pasado ano atendéronse a 5600 pacientes a través das Vías Rápidas de Colon, Mama, Melanoma, Pulmón, Cabeza e Colo, Próstata, Vexiga e Anafilaxia Himenópteros. O tempo transcorrido desde o diagnóstico de sospeita ata a primeira actividade terapéutica é moi reducido, sendo no Chuvi de 3,7 días de demora media global.

Capacidade resolutiva da Primaria

No referido á Atención Primaria, o persoal sanitario dos centros de saúde da área de Vigo -Medicina de Familia, Pediatría, Enfermaría, Farmacia, Matronas, Saúde Bucodental e Traballo Social- realizou 5.708.068 consultas, 49.755 máis que hai un ano. Só os médicos de familia efectuaron case tres millóns de consultas (2.977.983). Destas, o 16,2% foron consultas telefónicas (482.525).

De feito, o programa da consulta telefónica é un dos que se teñen revelado máis eficaces e con maior nivel de aceptación neste nivel asistencial, xa que oferta a posibilidade de ser atendido telefonicamente polo propio médico de familia, e evita polo tanto os desprazamentos ao centro de saúde.

Cabe subliñar que os datos continúan avalando a capacidade resolutiva da Atención primaria, especialmente en consultas, onde a porcentaxe de derivación de pacientes desde os centros de saúde aos hospitais foi un 6%, practicamente igual ao pasado ano.

Estabilidade nas Urxencias e récord de ingresos

No referido ás Urxencias, tanto as do hospital como as dos Puntos de Atención Continuada, en xeral mantense moi similares as rexistradas no ano anterior. As urxencias de atención primaria atendidas nos PACs experimentaron unha lixeira diminución, un 1,3%, contabilizándose 265.833 atencións nos 10 dispositivos da área sanitaria. En concreto, o PAC de Vigo realizou 61.469 atencións urxentes, un 1% menos que no pasado exercicio.

As urxencias hospitalarias creceron minimamente, nun 0,16%. Un total de 181.106 pacientes recibiron atención urxente no Álvaro Cunqueiro, dos que 129.626 foron adultos, 41.037 menores de 15 anos, e 10.443 obstétricas. Do total das urxencias atendidas, un 15,02% requiriron ingreso hospitalario.

Cómpre indicar tamén que, segundo a clasificación por niveis de triaxe, o 45,33 os pacientes que acoden ás urxencias do Álvaro Cunqueiro, onde son atendidos por prioridade clínica e non por orde de chegada, presentan patoloxías que estarían en disposición de ser resoltas noutros dispositivos asistenciais, con menor espera e idéntica resolutividade.

En canto a hospitalización, o pasado ano contabilizáronse un total de 43.810 ingresos, a cifra máis alta rexistrada no CHUVI. A estadía media dos pacientes hospitalizados foi de 7,31 días, continuando a evolución descendente dos últimos anos. Segundo explica Rubial “trátase dun indicador de xestión sanitaria moi relevante, e ter conseguido esta cifra tan baixa pon de manifesto a eficacia da nova reordenación asistencial da área viguesa. Diminuír os tempos de ingreso hospitalario posibilita dispor dunha maior rotación de camas e de maior fluidez e axilidade nos circuítos asistenciais”-. Ademais, naceron 3.393 nenos e nenas, un 13,6% menos, dato que reflicte unha caída da natalidade considerable e preocupante.

Humanización, mellora tecnolóxica e novos obxectivos

Ademais dos datos de actividade, hai que lembrar tamén unha serie de actuacións desenvolvidas ao longo do 2018 e que consolidaron á EOXI de Vigo como referente na aplicación dos procesos de humanización, e abandeirada da innovación tecnolóxica da sanidade publica española-.

En relación coa humanización, e baixo o lema “Tratamos enfermidades, Coidamos persoas”, leváronse a cabo actuacións xerais, pero tamén específicas en determinadas áreas consideradas como especialmente sensibles: parto e primeiros días de vida, atención pediátrica, atención urxente, atención oncolóxica, atención á saúde mental, os coidados intensivos, a atención ás persoas maiores e os coidados ao final da vida.

No referido á innovación tecnolóxica, o pasado ano consolidouse a mellora tecnolóxica do CHUVI grazas a incorporación de equipamentos de alta tecnoloxía, entre os que hai que subliñar o TC intraoperatorio, o novo acelerador lineal ou o novo laboratorio CORE. En relación coa atención primaria, nestes momentos atópanse en diferentes fases administrativas a construción dos novos centros de saúde de Gondomar, Salceda de Caselas, Pazos de Borbén e o de Bouzas.

Ademais, executáronse as obras do Banco de Sangue do Cunqueiro, a Unidade de Illamento de alto nivel no Meixoeiro, de referencia para toda Galicia, e continuouse coa incorporación de novas prestacións á carteira de servizos hospitalarias como a Unidade de Demencias.

De cara ao 2019 un dos obxectivos prioritarios e desenvolver a reforma integral do Meixoeiro, xa iniciada no pasado ano, cun investimento de catro millóns de euros nas obras de ampliación das Unidades de Mama, Medicina Nuclear e Radioterapia así como na renovación das fachadas e cubertas e na actuación na área de Rehabilitación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.