A Área Sanitaria de Vigo reorganiza a actividade en Atención Primaria para garantir a cobertura asistencial no verán

As medidas consisten en centralizar a asistencia en horario de mañá en determinados centros da área
Por o 14/06/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A Área Sanitaria de Vigo reorganiza a actividade en Atención Primaria para garantir a cobertura asistencial no verán

A Dirección da área sanitaria de Vigo levará a cabo unha reorganización dos servizos asistenciais de Atención Primaria, como é habitual nos meses de verán para conciliar o dereito ás vacacións dos profesionais coa garantía da
cobertura asistencial.

As medidas refírense só a determinados centros de saúde e consultorios, tanto en pediatría como en consultas de medicina xeral.

A principal decisión consiste na centralización da asistencia sanitaria en horario de mañá. Unha medida que se produce, como en anos anteriores, ante a falta de persoal para realizar as substitucións dos profesionais que están de vacacións. A carencia de substitutos vén derivada, de novo, porque se mantén a situación de “paro cero” tanto en medicina de familia como en pediatría.

A centralización en horario matutino realízase por petición dos propios profesionais que asumen o traballo dos seus compañeiros que estean de vacacións, e para adecuar a oferta asistencial á demanda do servizo. Unha experiencia que o pasado verán deu bos resultados. Por ese motivo, a Dirección da área sanitaria de Vigo quere mostrar o seu agradecemento pola actitude dos profesionais que colaboraron con propostas para a
cobertura das ausencias.

Consultas de Pediatría

Así, Redondela asume na unidade de mañá a actividade de Chapela durante a segunda quincena de agosto.

En Tui centralízase en quenda de mañá toda a pediatría, nos períodos do 22 de xullo ao 2 de agosto e durante a primeira quincena de setembro.

Sárdoma asume, durante a primeira quincena de xullo, as vacacións do pediatra de Matamá.

Navia, tal como ocorreu en ocasións anteriores, atenderá os pacientes pediátricos de Coruxo do 24 ao 30 de xuño e do 1 ao 15 de agosto. A actividade pediátrica en Navia centralízase en quenda de mañá durante os meses de agosto e de setembro. Coia centralizará en horario matinal a actividade asistencial do 1 ao 23 de agosto. Pola súa banda, Lavadores atenderá a consulta de pediatría en quenda de mañá en
xullo e en agosto.

Medicina Familiar

Os cambios nas consultas de Medicina Familiar e Comunitaria afectan a menos centros e consultorios.

Desta forma centralizaranse en horario de mañá as consultas de Tomiño entre o 1 de xullo e o 15 de setembro.

As cotas do consultorio de Valeixe centralízanse no Centro de Saúde da Cañiza durante os meses de xullo e agosto.

Os pacientes do consultorio de Tabagón serán atendidos no Centro de Saúde do Rosal no mesmo período de tempo.

E, durante a primeira quincena de xullo, os pacientes de Mondariz Balneario serán atendidos en Mondariz.

Comentar noticia

Your email address will not be published.