A artesanía de Galicia inclúese na oferta creativa do festival Música no Claustro cun taller de bordado de fotografías de Tui

O taller, organizado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia na Catedral de Tui, une creación e patrimonio cunha proposta contemporánea do bordado
Publicado por o día 03/08/2020 na sección de Galicia,Tui,Xunta de Galicia

A artesanía de Galicia inclúese na oferta creativa do festival Música no Claustro cun taller de bordado de fotografías de Tui

A artesá Minia Banet, do estudio Variopinto, está a impartir un obradoiro de bordado sobre fotografía no marco da XIV edición do festival Música no Claustro, que se desenvolve na Catedral de Tui ata o próximo 7 de agosto.

A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, coñeceu hoxe o traballo e aprendizaxe dos participantes neste obradoiro que durante a xornada de onte e a de hoxe afondaron nunha proposta de diálogo de creación desde o patrimonio.
Os asistentes están a aprender a bordar sobre fotografías tomadas na propia catedral e que están incluídas na colección coa que o alemán Otto Wunderlich retratou ao Tui dos anos posteriores á Gripe de 1918. Mediante puntos planos e puntos de relevo, os alumnos crean un bastidor cheo de cor e textura e ao finalizar o curso terán unha peza orixinal rematada nun bastidor e lista para decorar unha parede.

A artesá que impartiu esta formación, Minia Banet, foi galardoada polo seu traballo en bordado contemporáneo coa Beca Eloy Gesto na última edición do Premios Artesanía de Galicia, coa que ampliará a súa formación especializada nun centro de prestixio.
Este curso enmárcase na colaboración que a Fundación Pública Artesanía de Galicia vén levando a cabo nos últimos anos co festival Música no Claustro, situando a artesanía entre a oferta creativa deste evento. Este proxecto forma parte da estratexia da Fundación para impulsar o sector artesán, apostando pola formación e pola innovación e o deseño, promovendo a colaboración da artesanía con outras disciplinas e reforzando a diversidade e confluencia entre distintas áreas.

En anteriores edicións organizáronse talleres artesáns abertos a profesionais e público xeral, que afondaron en oficios como a cestería contemporánea de Idoia Cuesta, a xoieiría de Susi Gesto, a cerámica de Verónica Moar, os instrumentos musicais tradicionais de Xaneco e a imaxinaría castelá de Miguel Ángel Tapia.
Como en cada edición deste festival, a música está a ser protagonista, con sete concertos de música antiga, clásica, contemporánea, popular, moderna ou jazz, que darán vida cada serán ao monumento, nun diálogo interxeracional que parte do compromiso de música no claustro polas novas xeracións. A programación complétase coa posta en valor de pezas do Museo da Catedral de Tui e coa presentación de conversas en formato dixital de persoas destacadas polo compromiso co coñecemento e difusión do patrimonio e historia tudenses.

Comentar noticia

Your email address will not be published.