A artista do mural da troita nas escaleiras do Concello enche de natureza e petróglifos o valado do colexio

O Concello continúa co embelecemento na contorna do Cordo Boullosa e converte o seu peche exterior nunha homenaxe visual a Ponte Caldelas
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

A artista do mural da troita nas escaleiras do Concello enche de natureza e petróglifos o valado do colexio

Se as escaleiras que conducen á Casa do Concello de Ponte Caldelas locen dende hai semanas un gran mural que representa a dúas troitas brincando no río Verdugo, o valado de peche do colexio Cordo Boullosa, está a converterse nunha homenaxe ao patrimonio natural e cultural do municipio.

O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) continúa coa súa campaña de ornato no centro e puxo agora a vista neste valado que ofrecía unha mala imaxe. Unha vez que retirou o aparcamento dos autobuses nesta zona e trasladou os colectores de lixo (aínda queda un) decidiu ornamentar este pequeno muro.

O traballo volveu estar a cargo da artista plástica de Baiona Lula Goze, que atesoura intervencións en diversos lugares de España, pero tamén en Bélxica, México, Estados Unidos (Nova York e Virxinia), Suecia, Portugal, Alemaña, Irlanda e Azerbayán.

Lula Goze, que hoxe recibiu a visita do alcalde, Andrés Díaz, plasmou neste muro unha alegoría da infancia por medio de niños de paxaros, que chegan á vida para aprender a voar sós. O pano inclúe tamén copias realistas dos petróglifos de Ponte Caldelas, entre as que destacan algunhas das insculturas máis coñecidas da Área Arqueolóxica de Tourón.

A artista explicou que o muro foi limpado, pois presentaba humidades e tratado cunha imprimación antes da aplicación da pintura, primeiro a brocha e logo con aerosois, cun estilo claramente urbano.

Goze indicou que ten encargos repartidos por diversos lugares do mundo que a manterán ocupada ata este outono.