A Asamblea de Mulleres de Galiza Nova presenta a súa campaña polo 8M e chama ás vindeiras mobilizacións do 1 de Marzo e da data en cuestión convocadas polo movemento feminista galego.

A organización xuvenil centra o discurso da súa campaña “no encaixe das mulleres dentro do sistema capitalista”, nun contexto que definen de “aumento da explotación de clase”.
Publicado por o día 29/02/2020 na sección de BNG,Política

A Asamblea de Mulleres de Galiza Nova presenta a súa campaña polo 8M e chama ás vindeiras mobilizacións do 1 de Marzo e da data en cuestión convocadas polo movemento feminista galego.

A organización xuvenil centra o discurso da súa campaña “no encaixe das mulleres dentro do sistema capitalista”, nun contexto que definen de “aumento da explotación de clase”.

“É precisamente neste contexto actual no que as mulleres, nomeadamente as mozas da clase traballadora, nos vemos maiormente atacadas”- declara Nerea Cazás, responsable nacional da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova- “somos vítimas da temporalidade e da precariedade laboral, dos descensos dos salarios e do poder adquisitivo, así como do empeoramento das condicións e garantías laborais”. 

A organización nacionalista chama ademais á mobilización nun contexto que define “de auxe da ultradereita” e que indica que é necesario loitar contra o retroceso en materia de dereitos sociais.

Un 8 de Marzo diverso

Ademais, Galiza Nova indica que as mulleres do colectivo LBT sofren non só as violencias derivadas de ser mulleres senón as violencias específicas pola pertenza a este grupo. “As mulleres LBT sufrimos unha situación de dificultades tanto no acceso ao mercado laboral como ademais de risco no desenvolvemento do noso traballo só pola nosa condición”. “Queremos rachar con esta norma e coas labores asociadas aos roles de conducta que nos presenta o patriarcado. Basta de que as mulleres LBT suframos unha maior exclusión social e mortalidade só por ser quen somos” –indica Iria Carreira, Responsable Nacional da Asemblea LGBT de Galiza Nova.

Mobilización como chave para loitar contra a lacra machista na Galiza

A mocidade do BNG denuncia ademais 10 anos de goberno do Partido Popular da man de Núñez Feixóo que, indican “logrou precarizar aínda máis as vidas das mulleres, desprotexéndoas atentando contra elas mediante o recurtamento do gasto social e incluso vexándoas en distintas campañas institucionais”

Feminismo para avanzar

“O 8M significa moito, é unha data de converxencia de loitas diarias das feministas de todo o país. Temos que ter claro que só desde o feminismo derrubaremos o patriarcado e as súas imposicións, e só como nacionalistas poderemos loitar contra a opresión capitalista do estado español e do sistema” comenta Cazás. “Temos un cometido como militantes feministas de traballar xa sexa nas institucións, na rúa ou nos centros de traballo, por mellorar esta situación e acumular forzas a fin da nosa liberación como mulleres, mais a chave de todo é a organización e o traballo de base xunto coa mobilización. Só así se garanten dereitos.”- conclúe.