A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova presentou a súa campaña do 25N, día Internacional contra as violencias machistas, baixo o lema “Somos as que loitan por un país sen violencia”. A súa responsábel nacional, Nerea Cazás, enviou un escrito ao presidente da Xunta de Galiza co fin de que se cumpra a lei de violencia de xénero aprobada en 2007.
“Coa campaña deste ano quixemos deixar atrás as imaxes que constantemente nos chegaban de mulleres golpeadas e buscamos darlle unha visión moito máis combativa a unha data na que sempre rematábamos relegadas ao papel de vítimas” comentou a Responsábel Nacional. da Mulleres de Galiza Nova, Nerea Cazás. Asemade, enviou dende a oficina de Correos unha carta ao presidente da Xunta de Galiza esixindo que se cumpra a lei contra a violencia machista, aprobada na cámara galega hai doce anos, debido aos recortes levados a cabo polo goberno do Partido Popular.
Segundo sinalou Nerea Cazás, o contexto actual “é alarmante” debido ao aumento do 28,4% das denuncias por violencia machista. A isto súmanselle os seis feminicidios acontecidos en Galiza no que vai de ano. Ademais da carta enviada a Feijóo, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova decidiu aproveitar o contexto estatal para enviar unha carta ao presidente en funcións, Pedro Sánchez, con medidas que deben ser tomadas de urxencia a nivel galego, estatal e con vertente específica na mocidade.
“A día de hoxe as mulleres encontrámonos desprotexidas fronte a violencia machista e recortar en recursos dirixidos ás mulleres vítimas de violencia non só perpetúa a violencia machista senón que é violencia en si mesmo” sentenciou Cazás.
“Somos as que loitan por un país sen violencia”
Para alén deste acto, Galiza Nova instará na súa campaña a lembrar que a violencia machista “non é só aquela que se manifesta a través das súas expresión máis aparentemente terribles como os feminicidios ou a violencia física”, senón tamén aqueloutra de “carácter laboral, familiar ou institucional”.
Perante os alarmantes datos de denuncias por violencia machista e o continuo retroceso nos dereitos das mulleres co auxe da extrema dereita no estado español, a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova fai fincapé na necesidade “non só de tecer redes de coidades senón tamén de dotarnos de ferramentas para garantir a nosa supervivencia: a autodefensa perante a violencia machista é completamente lexítima, sendo a organización e a mobilización dúas destas formas de autodefensa”.
Ademais, animan a toda á mocidade e sociedade en xeral a asistir ás mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e o movemento feminista galego nas vilas e cidades do país este 25 de Novembro.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.