A Asemblea Xeral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar aproba os seus orzamentos para o ano 2018 que ascenden a 76,4 millóns de euros cun incremento do 10,26%

Deuse conta do balance de 2017 e os asistentes aprobaron as grandes contas e as liñas de acción para o presente ano
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Social,Xunta de Galicia

A Asemblea Xeral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar aproba os seus orzamentos para o ano 2018 que ascenden a 76,4 millóns de euros cun incremento do 10,26%

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar celebrou hoxe a súa Asemblea Xeral anual na que se aprobaron as contas para o exercicio de 2018, que ascenden a 76.490.340,25 euros, o que supón un incremento do 10,26% con respecto ao ano anterior. Á xuntanza, que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), foi encabezada por José Manuel Rey Varela, o conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia -departamento ao que está adscrito o Consorcio-, en calidade de presidente deste ente público.

Na súa intervención, Rey Varela fixou dos grandes retos sociais nos que avanzar desde o Consorcio, como son seguir mellorando as condicións laborais dos ao redor de 2.000 traballadores do organismo e continuar afondando na colaboración cos concellos “para xuntos prestar os mellores servizos nos 313 municipios galegos”. Neste sentido, o conselleiro defendeu o municipalismo, ao tempo que avogou por continuar intensificando o diálogo e a colaboración entre administracións para desenvolver unhas políticas sociais próximas e de calidade. “Porque o importante non é quen presta os servizos, se non que estes sexan realmente eficaces e cheguen ás persoas e familias que máis precisan do apoio das administracións”, apuntou.

Na Asemblea Xeral fíxose balance do ano 2017, exercicio no que o Consorcio seguiu mantendo e ampliando a súa rede, tanto de escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos, como de atención ás persoas maiores. En canto á primeira parte, entraron en funcionamento dous novos centros, o que supuxo incrementar a oferta en 123 prazas, ás que se suman outras 43 máis por ampliacións en varias escolas, co que a oferta nos centros da rede “A Galiña Azul” dependentes do Consorcio aumentou no curso 2017-2018 nun total de 166 prazas. En definitiva, o Consorcio pechou o ano 2017 xestionando 7616 prazas para nenos de 0 a 3 anos nun total de 140 escolas infantís distribuídas por toda Galicia.

No eido dos maiores, o Consorcio equipou e amoblou catro centros de día, e a Fundación Amancio Ortega (FAO) rematou a construción e equipamento dun centro interxeracional (que tamén inclúe unha escola infantil), que xestionará integramente o Consorcio. O Consorcio rematou 2017 xestionando 2253 prazas de centro de día, 206 prazas residenciais e 96 prazas de vivendas comunitarias, nun total de 70 centros para a atención aos maiores.

No programa “Xantar na Casa” de atención alimentaria a domicilio para persoas con dificultades participaban ao final do ano pasado 167 concellos, cunha media mensual de 1300 usuarios. En materia de igualdade, o Consorcio continúa xestionando en colaboración con Concello de Vigo o Centro de Emerxencias para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, no que ingresaron o ano pasado 93 persoas e no que residiron durante 2017 un total de 104 persoas.

Na loita contra a pobreza e a excusión social, o ente pechou 2017 con 18 equipos comarcais de Inclusión -máis o módulo “Nelson Mandela”, na prisión de Teixeiro-, nos que traballan (dentro da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020) 59 técnicos, que atenderon a 11.001 persoas no pasado exercicio, realizando accións formativas das que se beneficiaron 1106 persoas, e acadando 1408 insercións laborais. E durante 2017 continuou igualmente o traballo dos centros “Quérote Máis” para o desenvolvemento integral dos mozos, cun saldo no pasado ano de 6552 usuarios asesorados e 25.378 participantes en accións formativas.

Orzamento para 2018

Do Orzamento do Consorcio para 2018, que ascende a 76.490.340,25 euros, destinará 44.004.968 euros ao capítulo de persoal e 27.912.618,13 euros ao capítulo de gastos en bens correntes e mantemento de servizos, datos que corroboran a aposta do ente da Consellería de Política Social por seguir incrementando e mellorando os recursos que pon a disposición dos cidadáns para mellorar a súa calidade de vida e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.

Nese senso, ao longo de 2018 o Consorcio prevé poñer en servizo cinco novas escolas infantís, elevando a oferta en centros da rede “A Galiña Azul” dependentes do ente en 402 prazas, ata as 8.018, nun total de 145 escolas. Na área de benestar, este ano entrarán en funcionamento 8 novos centros para maiores (225 prazas máis de centro de día e 136, residenciais), acadando unha oferta total de 2478 prazas de centro de día, 342 de fogar residencial e 96 de vivenda comunitaria.

Na Asemblea deuse conta ademais do inicio da aplicación en 2017 do modelo de co-financiamento do Consorcio para escolas infantís e centros de día que xestiona este ente nos distintos municipios galegos, recollido no Acordo Marco asinado en maio de 2016 pola Consellería de Política Social e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e desenvolvido lexislativamente na Lei de Medidas que complementou á Lei de Orzamentos da comunidade autónoma para 2017.

Ao longo do pasado ano, o Consorcio deu algúns pasos importantes tamén no proceso de integración dos traballadores do ente no Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da administración galega, asinando un acordo no ano 2017 cos principais sindicatos (UXT, CIG e CCOO). Compre lembrar que, cando ese proceso culmine, a nova situación achegará estabilidade aos profesionais do Consorcio, garantindo ao mesmo tempo un servizo de calidade aos usuarios nos centros e recursos dependentes do ente.

Finalmente, renováronse coa unanimidades dos presentes os membros que representan ás entidades locais na Asemblea Xeral do Consorcio. Os novos integrantes nese órgano serán os alcaldes dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; de Brión, Xosé Luis García; de Carballo, Evencio Ferrero; e Sada, Benito Portela. O rexedor de Cerdedo-Cotobade será o vicepresidente do Consorcio ao representar ao grupo político con maior número de votos.