A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia insta ao Concello de Vigo a poñer en marcha o seu Arquivo Municipal

Publicado por o día 27/02/2020 na sección de Galicia,Social,Vigo

A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia insta ao Concello de Vigo a poñer en marcha o seu Arquivo Municipal

A Asociación BAMAD Galicia de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas Museos e Centros de Documentación de Galicia dirixiuse ao Concello de Vigo en relación co artigo de Manuel Sendón: O Centro Galego de Fotografía, desafiuzado, publicado na revista “Tempos Novos”, nº 272, de xaneiro de 2020 , no que se explica a mala situación dos fondos fotográficos do Concello de Vigo, para
animalos, unha vez máis, a poñer en marcha o seu Arquivo Municipal.

Dotar á cidade de Vigo, a maior de Galicia, cun servizo de arquivo con arquivistas capaces de poñer en marcha a organización dos fondos, tanto os producidos polo propio Concello como os de outras procedencias reunidos nel, entre eles os fondos fotográficos, daría resposta a todas as necesidades, tanto as de xestión administrativa interna como as de servizo a cidadanía e á investigación, ademais da difusión e posta en valor dos documentos custodiados.

Convocadas o 18 de febreiro polo Concello a unha reunión, nela nos indicaron que teñen un arquivo aberto ao público, que están dixitalizando documentos, e a punto de resolver un procedemento de bolsas de emprego para a contratación provisional de arquivista.

A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia non dubida da vontade do Concello de Vigo en resolver a ausencia de profesionais do servizo de arquivo. Sen embargo o arquivo non é só un depósito de documentos que teñen que ser servidos ao público. O arquivo debe estar dotado tanto de instalacións, como de medios técnicos e persoal arquivista profesional que dean servizo a todas as funcións de recollida, custodia e servizo dos documentos, apoio á xestión administrativa electrónica e conservación do Patrimonio Documental dos Vigueses.

BAMAD – Galicia, na defensa da profesión, das persoas profesionais e da xestión transparente e eficiente das institucións públicas, non desiste en demandar do Concello de Vigo a creación e
dotación do seu Arquivo Municipal para o que ofrecemos tamén a sua colaboración.