A Asociación Española Contra o Cancro de VIGO sae á rúa para recadar fondos no seu tradicional peditorio

A recadación obtida durante esta xornada destinarase á prevención e investigación do cancro, así como á atención e o apoio das persoas afectadas pola enfermidade
Publicado por o día 10/06/2019 na sección de AECC,Galicia,Social,Vigo

A Asociación Española Contra o Cancro de VIGO sae á rúa para recadar fondos no seu tradicional peditorio

Como cada ano, a Sede Provincial de Pontevedra da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) celebra a súa tradicional campaña de peditorio, un día para dar e apoiar ás persoas con cancro, e recibir fondos cos que levar a cabo a misión da AECC. Unha entidade que está á beira das persoas traballando para que poidan previr o cancro, acompañándoas durante todo o proceso da enfermidade, se se diagnostica o cancro, e mellorando o futuro de todos impulsando proxectos de investigación oncolóxica de calidade.
 
Os fondos recadados, preto de 6 millóns o ano pasado, permitiron á Asociación que 1.770.919 persoas beneficiáronse dos programas cuxo fin é previr a enfermidade; atender a case 500.000 pacientes e familiares; e destinar 56 M€ en 334 proxectos de investigación. Para as persoas afectadas pola enfermidade, a AECC dispón de programas de apoio e acompañamento que, a través de distintas canles e as 24 horas do día, permiten atender as súas necesidades desde o primeiro momento do diagnóstico e durante todo o proceso da enfermidade. Todos os servizos da Asociación son totalmente gratuítos e pon ao dispor de pacientes e familiares case 1.000 profesionais e máis de 25.000 persoas voluntarias.
 

Mensaxes de prevención en centros escolares e atención psicosocial.

 
A AECC defende ás persoas fronte ao cancro loitando contra a enfermidade desde a prevención, a investigación e o apoio tanto a pacientes como a familiares. Mª Josefa Crespo Amigo, presidenta da AECC en Pontevedra, sinalou que “o peditorio non é un só un día para recibir, tamén queremos dar unha mensaxe de esperanza a todas esas persoas que están a sufrir a enfermidade. Non estades sós, estamos ao voso lado. Isto é posible grazas ao compromiso e axuda de toda a sociedade”.
 
A AECC Pontevedra pechou o 2018 cos seguintes datos:
 
– 5.778 atencións por parte do voluntariado en hospitais (Hospital Provincial de Pontevedra, Servizo de Radioterapia do Hospital Meixoeiro e Hospital de día do Álvaro Cunqueiro) e 167 acompañamentos en domicilios
 
– 47 axudas económicas, 179 información e orientación, 127 préstamo de material ortopédico, 50 inserción laboral, 6 usuarios de Programa Vitalia e 54 familias beneficiarias do programa de alimentos (Atención Social)
 
– 1.715 intervencións a pacientes e familiares en Atención Psicolóxica; 5 cursos de Deshabituación Tabáquica con 53 participantes
 
– 509 sesións individuais e 646 sesións grupais no Programa Volver Falar, que se centra na rehabilitación integral de pacientes con cancro de cabeza e pescozo
 
– 5.062 sesións a enfermos avanzados e familiares do equipo de Atención Psicosocial (EAPS)
 
– 5.358 persoas alcanzadas con mensaxes de prevención en mozas e adultos
 
– 142.179 euros destinados a investigar o cancro
 
36 mesas e máis de 215 persoas nas rúas de Vigo
 
O peditorio permite á AECC de Vigo saír á rúa e coller o pulso á sociedade. Nun momento no que, ademais de recadar fondos, a AECC ten a oportunidade de informar sobre as súas actividades, programas e servizos; concienciar sobre hábitos de vida saudables e achegar a realidade dos pacientes de cancro á poboación.
 
Este ano, a AECC Vigo sairá á rúa con máis de 215 persoas e un total de 27 mesas en horario de mañá (10 a 14) e 9 en horario de tarde ( 17 a 20:30) distribuídas por toda a cidade. Concello, Progreso, Corte Inglés, Praza de España, rúa Principe, A Farola….. serán algúns dos puntos emblemáticos nas que poderás atopar a #FlordeEsperanza e ofrecer o teu apoio a pacientes con cancro e ás súas familias.
 

Todas as persoas que participan na campaña (voluntarios, colaboradores e alumnos) levarán unha tarxeta identificativa da AECC.