No primeiro aniversario da vaga de lumes do outono do 2017, que arrasou arredor de 50.000 hectáreas en Galicia, a Asociación Forestal de Galicia advirte de que os montes afectados corren un serio risco de abandono. Desde a Asociación Forestal agárdase un plan público de restauración que permita afrontar a recuperación dos bosques calcinados.
A vaga de lumes levou por diante boa parte do patrimonio forestal de comunidades de montes do sur de Pontevedra que estaban a distinguirse pola súa boa xestión. Só en comunidades socias da Asociación Forestal de Galicia, as perdas na provincia de Pontevedra pola vaga de lumes foron de 18,9 millóns de euros, cuns custos de restauración estimados en arredor de 10 millóns de euros.
Os montes veciñais, que quedaron descapitalizados a raíz dos lumes, vense agora sen posibilidades de afrontar as necesarias tarefas de restauración dos montes afectados, nos que haberá que acometer plantacións e tarefas que faciliten a rexeneración do bosque.
A Asociación Forestal de Galicia agarda que este outono se materialice un plan público de restauración dos montes afectados pola vaga de lumes do 2017. Cómpre lembrar que a propia Consellería do Medio Rural, en visita cursada en decembro do 2017 a montes afectados do Condado-Paradanta, comprometera coa AFG a busca de financiación para impulsar un plan de tales características.
De non acometerse un plan de restauración, boa parte dos montes corren un serio risco de abandono e selvatización, pois ante os escasos recursos económicos propios cos que contan os propietarios, reduciranse os traballos de xestión, o que aumentará os riscos futuros de posibles incendios forestais. Resulta significativo que un ano despois dos lumes, parte da madeira afectada estea aínda sen retirar do monte por diversas circunstancias.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.