A Asociación Galicia Fiddle presentará mañá unha nova edición do campamento San Simón Fiddle e o Encontro Encordass

O acto terá lugar mañá, mércores 30 de maio ás 12.00 h, na sede da Asociación de Galicia Fiddle en Vigo (rúa Teófilo Llorente, 16)
Publicado por o día 29/05/2018 na sección de Galicia,Vigo

A Asociación Galicia Fiddle presentará mañá unha nova edición do campamento San Simón Fiddle e o Encontro Encordass

 A organización da Asociación Galicia Fiddle presentará mañá ás 12.00 h na súa sede (Teófilo Llorente, 16) a cuarta edición do Encontro Encordass, que terá lugar do 29 de xuño ao 1 de xullo, e a sétima edición do San Simón Fiddle,  o único campamento para rapaces e rapazas que se desenvolve en Europa de violín folk e que se celebrará do 1 ao 8 de xullo.

Ademais, tamén informarán das principais novidades de ambos eventos, nos que as músicas árabes terán un especial protagonismo.

A ASOCIACIÓN GALICIA FIDDLE

Galicia Fiddle é unha asociación sen ánimo de lucro que xorde en 2010 na comarca de Vigo en torno a aula de violín da ETRAD (Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo).

O obxectivo co que naceu foi o de promover o emprego dos instrumentos de corda dun xeito alternativo e impulsar a música tradicional galega. Oito anos despois, esta filosofía segue vixente a través das diferentes actividades que organizan, entre as que se encontran o campamento de verán San Simón Fiddle, que senta as bases para a creación dunha xeración de músicos galegos apaixonados pola música popular, e os Encontros Encordass, onde se dan cita instrumentistas de corda e grandes mestres mundiais.