A asociación Long Hope dos mariñeiros galegos que traballaron 40 anos en Noruega denuncian que “o Goberno non fixo nada” para garantir as súas pensións

Publicado por o día 16/02/2018 na sección de Protestas

A asociación Long Hope dos mariñeiros galegos que traballaron 40 anos en Noruega denuncian que “o Goberno non fixo nada” para garantir as súas pensións

A asociación Long Hope, que agrupa aos mariñeiros que traballaron en Noruega e que reclaman unha pensión a ese país nórdico, considera que as súas reclamacións terían máis éxito antes se dependesen de Galicia e non do Goberno central.

Long Hope agrupa a 12.000 mariñeiros españois, dos que 8.000 son galegos, que traballaron entre 1948 e 1994 na mariña mercante norueguesa, onde tiñan prohibido por lei cotizar á seguridade social, aínda que pagaban os seus impostos e cando se empezaron a xubilar descubriron que o país nórdico negábase a pagarlle unha pensión. O portavoz da entidade, Alberto Paz, sinalou que a asociación tiveron varias reunións en Madrid con todos os grupos no Congreso, e mesmo co ministro de Exteriores, Alfonso Dastis.

“Todas as entrevistas foron satisfactorias”, segundo Paz, que anuncia a vontade de varios grupos de presentar unha proposición non de lei para que España presente unha demanda contra Noruega no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo. Representantes da asociación estiveron en Madrid “para pedir que alí haxa a mesma unanimidade que houbo no Parlamento galego en decembro”, cando se solicitou a citada demanda interestatal. Esta reclamación sería a primeira da historia deste tribunal por asuntos relacionados co sistema de seguridade social, pero Paz asegura que, en todo caso, é posible presentala.

“Entendemos que outro galo cantaría se Galicia tivese competencias para defendernos. O que pasa é que só atenden as demandas do Goberno galego en Madrid cando son cuestións electorais para caladoiro de votos. Entendemos que o Goberno central debe facer caso ao Goberno galego”, declarou. Esta mesma semana volven as mobilizacións, en Santiago de Compostela este xoves, antes dunha reunión de representantes de Long Hope o día 19 na Secretaría de Estado para a Unión Europea do Ministerio de Exteriores, á que acudirá un avogado do Estado de Noruega.

A seguinte manifestación será en Londres o 24 de marzo e, mentres tanto, continúan os preparativos do próximo recurso de apelación no país nórdico, onde empezou a vía xudicial, co seguinte xuízo sinalado para os días 12 e 13 febreiro de 2019. Paz recoñeceu que de momento os xuíces noruegueses non lles deron máis que reveses, pero a súa intención é esgotar a vía xudicial para poder ir ao Tribunal Europeo, onde España podería acudir de inmediato. “Seguimos camiño de Estrasburgo, que sempre foi o rumbo que levou este barco”, concluíu e denunciou a “inxustiza social” que padecen os seus compañeiroz