A Asociación pola Defensa da Ría apoia as mobilizacións da Plataforma Open Generatión contra o reparto dos fondos europeos de recuperación Next Generation

Dende a Asociación pola defensa da Ría, queremos amosar a nosa preocupación polo previsible reparto dos Fondos Europeos de Recuperación que chegarán trala crise desatada pola pandemia que estamos a sufrir. Declaracións e actuacións dos responsables políticos semellan pouco tranquilizadoras pois non parece que se estea a pensar en aproveitar a oportunidade de cara a unha recuperación verde nin sequera en respectar as condicións deste reparto de fondos.

A información publicada acerca das intencións da Xunta de Galicia, indica que xa ten feito o reparto, optando por inversións que non parecen precisamente atender as orientacións que estableceu a Unión Europea senón que están máis ben dirixidas ao fortalecemento dás grandes empresas que pouco ou nada teñen que ver cos elementos centrais do acordo acadado no eido europeo e que inspiran o plan de axudas. Con efecto, estes fondos que buscan inverter nunha Europa ecolóxica, dixital e resiliente, na Galicia vanse a dedicar a desenvolver proxectos insostibles tras os que están empresas como ENCE, INDITEX ou GREENALIA.

É desde logo preocupante a opacidade coa que se está a deseñar esta distribución. A pesar de coñecer cara onde se van dirixir os orzamentos máis importantes, descoñécense o como e canto da distribución duns fondos dos que depende o futuro de todos. Non cabe dúbida de que a participación cidadá e a contribución da sociedade son fundamentais para conseguir a harmonía no reparto; tal e como se presenta, e dado que a metade dos Fondos New Generation son préstamos, ocorrerá que os galegos acabemos pagando cos nosos impostos proxectos baseados na destrución ambiental.

O recentemente presentado Plan Forestal Galego abonda precisamente nesta intención e, moi lonxe de favorecer a adaptación dos nosos sistemas ao cambio climático e á conservación da biodiversidade, dos solos fértiles e os recursos das comunidades rurais, vén asegurar os intereses empresariais máis depredadores dos sistemas forestais, entre eles os intereses de ENCE de cara a asegurar un subministro de madeira barata. Poñer o monte a producir madeira para pasta de papel ou téxtil ou para queimar como pellets ou en centrais de biomasa, supón seguir a fomentar os cultivos forestais de especies pirófitas que favorecen a propagación de incendios e a erosión, que destrúen as reservas de carbono orgánico retido nos sistemas forestais acelerando as emisións de gases de invernadoiro, que reducen aínda máis a diversidade biolóxica.

É por isto que apoiamos ás mobilizacións da Plataforma Open Generation e as súas reivindicacións. Formada por organizacións ecoloxistas, sindicais e colectivos sociais, realizaron este sábado 30 accións de protesta diante de diferentes sedes administrativas para pedir a transparencia e a participación pública no reparto dos Fondos Europeos de Recuperación. Para esixir que este reparto responda aos obxectivos fixados pola Unión Europea de inverter nunha Europa ecolóxica, dixital e resiliente, ou como mesmo se indica no recentemente aprobado Real Decreto co Plan de Recuperación conseguir que esa recuperación sexa verde, dixital, inclusiva e social.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario