Á atención das e dos sindicalistas galegos

Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Social

Á atención das e dos sindicalistas galegos

 O (MODEPEN) ven de remitir a todos os sindicatos galegos (CIG, CCOO, UGT, CUT, CGT, CNT, CESM, OMEGA, SATSE, PROSAGAP, …) o documento que se anexa, solicitándolles o seu apoio para construír un forte movemento social contra o recorte e privatización das pensións que se pretende facer mediante a aplicación de algunhas das Recomendacións do Pacto de Toledo.

Os pensionistas galegos do MODEPEN centran en tres as súas reivindicacións máis importantes, para as que piden o apoio das organizacións sindicais:  o incremento das misérrimas pensións mínimas actuais, a aplicación de medidas tanxíbeis contra a fenda de xénero das pensións, e a non aplicación da Recomendación 16 do Pacto de Toledo que pretende o fomento de Plans de Pensións Privados de Empresa que contarían con desgravacións fiscais específicas e, que serían xestionados por entidades financeiras privadas. A aprobación deses Plans no Parlamento Español suporá a rotura do actual sistema de pensións públicas “de reparto” baseado na solidariedade entre xeracións  e un paso enorme na privatización das pensións públicas. O MODEPEN pídelle aos sindicatos que axuden a crear un ambiente social que contribúa a que eses Plans non se aproben no Parlamento Español.

Ademais, o MODEPEN pídelle a todos os sindicatos que se desmarquen da xestión dos Plans de Pensións Privados de Empresa que xa existen e, no caso de que obteñan beneficios económicos como consecuencia de esa xestión, que renuncien a eles.

O escrito

O obxectivo deste escrito é facerlles partícipes, ao seu e a todos os sindicatos galegos, do noso malestar e oposición ás Recomendacións do Pacto de Toledo, e moi especialmente ao desenvolvemento das mesmas que pretende facer o Ministro de Seguridade Social, Sr. Escrivá. Ao tempo, solicitámoslles que apoien que se cumpran os compromisos de defender as actuais pensións públicas que os partidos que constitúen o actual executivo estableceron nos seus Acordos do Pacto de Goberno.

Aos pensionistas galegos, e de todo estado, parécenos especialmente inaceptábel que non se incrementen as misérrimas pensións mínimas actuais e que non se adopten medidas específicas
para reducir a fenda de xénero que existe na actualidade nas pensións. Por outra banda, consideramos especialmente lesiva para os e as pensionistas actuais, e sobre todo futuros, que desde
o goberno español se pretenda facer efectiva a “Recomendación 16” do Pacto de Toledo, que ten como claro obxectivo comezar a substitución paulatina do actual sistema de pensións públicas, de
reparto e baseado na solidariedade entre xeracións, por un sistema mixto cun peso crecente dos plans de pensións privados de empresa.

Para que non avance o proceso de desmantelamento do actual sistema público de pensións, é preciso que sexa rexeitada a proposta de conceder desgravacións especiais aos plans de pensións privados de empresa, que no seu momento será presentada no parlamento español, a iniciativa da asa mais neoliberal do goberno. Desde os movementos de pensionistas galegos e de todo o estado estamos traballando para que ese rexeitamento parlamentario poida ser unha realidade. Mais a posibilidade de que esa proposta sexa rexeitada no parlamento español ten moito que ver con que exista un forte movemento social en contra da súa aprobación. Os movementos de pensionistas traballamos arreo para construír ese forte movemento social en contra da privatización do actual sistema público de pensións, e gustaríanos que os sindicatos formaran parte del. Se o seu sindicato rexeita os plans de pensións privados de empresa, agradecémoslle ese rexeitamento.

No caso de que até agora veñan mantendo unha posición equívoca ou de apoio a eses plans, pedímoslles que o reconsideren e deixen de apoialos. Ademais, queremos tamén solicitarlles que no caso de que o seu sindicato participe na Mesa de Dialogo Social, defendan nela o rexeitamento deses plans, e no caso de que o seu sindicato obteña beneficios económicos pola xestión de plans de pensións privados de empresa que existen na actualidade, queremos trasladarlles a nosa opinión de que estaría ben que renunciaran a eles, e que facelo axudaría moito a conseguir a necesaria unidade contra a privatización dos servizos públicos, dos que as pensións públicas son un piar fundamental.

Reciban un cordial saúdo.

Gonzalo Balo Mosquera.
Presidente do MODEPEN
(Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)