A atención primaria da área sanitaria de Vigo conta este ano con máis de 250 millóns de euros, o máis elevado da súa historia

O conselleiro de Sanidade reiterou no Parlamento a necesaria implicación de todos para poñer en marcha un novo modelo de atención primaria
Publicado por o día 20/12/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A atención primaria da área sanitaria de Vigo conta este ano con máis de 250 millóns de euros, o máis elevado da súa historia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe no Parlamento de Galicia que “a atención primaria da área sanitaria de Vigo dispón do maior orzamento da súa historia e o máis elevado das Estruturas de Xestión Integrada de Galicia, superando os 250 millóns de euros”. O orzamento reflicte o compromiso do Sergas coa área sanitaria e tamén coa atención primaria, e neste senso, Almuiña reiterou que “necesitamos seguir traballando da man de todos para poder poñer en marcha un novo modelo de atención primaria”.

Nos últimos anos realizáronse importantes cambios organizativos, con dotación de recursos e tecnoloxía, que melloraron de forma determinante a atención ao paciente. Os cambios organizativos que necesita a área sanitaria de Vigo no seu conxunto foron acordados no Plan Estratéxico 2017-2021, un pacto no que a participación de todos os profesionais de atención primaria foi determinante.

Os avances experimentados en accesibilidade a través da consulta telefónica e das vías rápidas, en seguridade e resolutividade a través do acceso a probas hospitalarias, están a mellorar a efectividade dos procedementos en atención primaria.

Mellores infraestrutura e máis persoal

O conselleiro de Sanidade destacou que dende 2016 construíronse ou reformáronse mais centros de saúde que nos últimos 15 anos cun investimento de máis de 15 millóns de euros. Ademais Almuiña subliñou que a atención primaria é o servizo sanitario mellor valorado pola cidadanía en todos os barómetros sanitarios e un 88,5% dos usuarios destes servizos en Galicia consideran que a atención prestada foi boa ou moi boa.

Con respecto da evolución do cadro de persoal, na atención primaria de Vigo traballan 1.563 profesionais, dos que 505 son médicos. O 85,4% do persoal é fixo. Dende o ano 2008, o número de médicos de familia incrementouse en 164, é dicir, un 7%, e o persoal de enfermería en 83 (un 3,4% de incremento).

O conselleiro de Sanidade agradeceu o importante esforzo que están realizando os profesionais, e lembrou que a cobertura de determinados postos, como é o caso de zonas de atención primaria é un problema que afecta non só ao Servizo Galego de Saúde senón a todo o Sistema Nacional de Saúde.

O conselleiro tamén quixo destacar que a dende Sanidade estase a traballar na na procura de medidas para aplicar a curto, medio e longo prazo. “Así, para o ámbito de atención primaria, propoñemos o establecemento de novas fórmulas contractuais, para dar unha maior estabilidade laboral e fidelización de médicos de familia e pediatras de atención primaria dun mínimo dun ano”, dixo Almuiña. “Tamén no primeiro trimestre do 2019 incorporaremos a figura do director de primaria na estrutura das Xerencias”, engadiu.

Tamén lembrou as medidas do Sergas como a convocatoria anual de OPEs dende 2012 e o incremento da oferta de prazas MIR, este ano realízase a maior oferta de prazas MIR dos últimos anos, con 404 prazas, aumentando a 105 as prazas para médico de familia, 14,1% máis que en 2016. Ademais, segundo afirmou “somos a primeira comunidade en contratar en Atención Primaria profesionais EIR (enfermeiros internos residentes) das categorías de familia e pediatrías”. Ademais optouse por favorecer o retraso da idade de xubilación, de 65 ata os 68 anos, para aqueles facultativos especialistas que o desexen, ofertando prórrogas de permanencia no servizo.

O conselleiro fixo mención tamén a xuntanza que mantivo onte o Sergas cos profesionais de atención primaria e dos colectivos implicados e na que se constituíron seis grupos de mellora que van a incidir na relación primaria-hospitalaria, na creación de equipos (desenrolando os roles destas categorías), nos plans de necesidades, na relación cos pacientes, na atención á demanda e no relativo á formación, docencia e investigación.