A Autoestrada AG-59 ameaza hábitats e especies protexidas pola UE non contempladas no EIA

ADEGA presenta alegacións contra a ampliación da Autovía AG-59 Treito: A Ramallosa – Enlace PO- 841 polo seu impacto ambiental irreversible sobre un espazo natural protexido.
Publicado por o día 11/01/2021 na sección de Galicia,Medio Ambiente

A Autoestrada AG-59 ameaza hábitats e especies protexidas pola UE non contempladas no EIA

ADEGA vén de presentar alegacións contra a ampliación da autoestrada AG-59, no treito que pretende unir A Ramallosa co concello da Estrada. Este trazado afecta ao espazo natural protexido como Zona de especial conservación (ZEC) do “Sistema Fluvial Ulla-Deza”, forma parte da Rede Natura 2000, e sitúase a escasos 600 m de “A Burga”, outro espazo catalogado como Lugar de Interese Comunitario (LIC).

O impacto ambiental desta infraestrutura sería permanente sobre os hábitats especialmente protexidos neste espazo protexido, como son os bosques aluviais (Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior ‘[código UE 91 E0]*, Alno-PadionAlnion incanaeSalicion albae); carballeiras galaico-portuguesas (Quercus robur e Quercus pyrenaica); e outros hábitats de especial interese como os ríos dos pisos basal a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion, ou pasteiros xerofíticos mediterráneos de vivaces e anuais (Código 6220). Así pois, este vial incumpre as esixencias establecidas na normativa europea (Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992) relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e a Lei estatal 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que impón a obriga xurídica de evitar o deterioro dos lugares da Rede Natura 2000, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade.

Afectación de especies protexidas vulnerables e en perigo de extinción

ADEGA detectou a presenza de ata 101 especies vexetais e animais tan só nunha pequena parte da área afectada, situada na contorna do río Vea. Destas,  72 foron identificadas no lugar pola asociación ecoloxista en tan só 4 horas de traballo de campo. Neste traballo tamén se constatou a presenza de 24 especies máis das que se refiren no estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto, co que a avaliación ambiental do proxecto é incompleta e pouco rigorosa, pois non incorporara algunhas especies protexidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e vulnerables como é o caso do fento Dryopteris guanchica, Narcissus  cyclamineus, ou do morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), incluído na lista internacional para a Conservación da natureza (UICN) como especie case ameazada (NT). A Universidade de Santiago de Compostela tamén ten constatado na zona fluvial de afectación a presenza das tres especies de mexillón de río incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Unio delphinus e Potomida litoralis, Margaritifera margaritifera), das que unha está en perigo de extinción (Margaritifera margaritifera).

Incompatibilidade con proxectos europeos de conservación

Na área na que se pretende construír un viaduto sobre os ríos Ulla e Vea desenvolvéronse dous proxectos europeos para a conservación da biodiversidade e a recuperación de especies especialmente vulnerables para cuxos obxectivos a construción desta nova infraestrutura resulta contraproducente e incompatible. Un deles foi o proxecto de custodia do territorio desenvolvido en 2011 -2013 polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR 20) para a creación dunha rede de custodia fluvial nas bacías do Ulla-Umia-Lérez e a Ruta dos Muíños do río Vea, financiado con Fondos FEADER. Outro foi o proxecto europeo de investigación Life Margal Ulla cuxo obxectivo se centraba en mellorar o hábitat e favorecer a conservación do mexillón de río, desenvolvido no período 2010 – 2015 baixo a coordinación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Que sentido ten investir cartos públicos en proxectos de conservación e mellora da biodiversidade se posteriormente a administración promove infraestruturas que destrúen o hábitat? Por tanto, ademais de toda a perda ambiental, a autoestrada AG-59 tamén suporía botar a perder recursos económicos públicos, e só para  aforrar aproximadamente 5 minutos nun traxecto de 7,5 quilómetros.

ADEGA avoga por que se estuden outras alternativas para diminuír o tráfico no traxecto de Santiago-A Estrada, como reducir ou quitar as peaxes da autopista AP-9 no treito Cuntis-Vilagarcía-Pontevedra; aproveitar outras estradas e pontes xa construídas, fomentar o transporte público como medida chave para reducir a pegada ecolóxica,… entre as múltiples opcións que existen menos prexudiciais para o medio ambiente.

Voces do Ulla: plataforma que nace en oposición ao proxecto

ADEGA xunto a outros colectivos que forman parte  da Plataforma Voces do Ulla (Amabul, Amigos da Terra, APDR, A Xesteira, Asoc. Victimas da Xustiza, Casa  colorida, colectivo Agrocuir da Ulloa, Ecolectivo, Ecologistas en Acción, Mina Touro- O pino Non, Nais polo clima, Plataforma Pola Recuperación Do Sar, Plataforma pola convivencia ética coa fauna silvestre “Con-Ética”, Sustinea, Verdegaia), pedimos e esiximos á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia a retirada deste plan de ampliación da autovía AG-59, en cumprimento da lexislación ambiental e dos obxectivos da axenda 2030 de desenvolvemento sostible (ODS) da que formamos parte. Tamén facemos un chamado ao Ministerio de Transición Ecolóxica e á UE para que non permitan nin acepten o impacto socioambiental desta obra.